Xosé Antonio Neira Cruz, gañador do Premio Exeria de creación literaria 2025

Desde Nós Diario (foto do autor, desde Wikipedia):
“A proposta de creación literaria do escritor compostelán Xosé Antonio Neira Cruz resultou a gañadora da cuarta edición do Premio Exeria, co que o autor poderá desenvolver o seu proxecto de novela durante unha estadía dun mes na residencia La Baldi, situada na aldea de Montegiovi (A Toscana, Italia), e recibir unha axuda económica de 3.000 euros.
Convocado pola Concellaría de Capital Cultural de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863, xestionada pola escritora Yolanda Castaño, o Premio Exeria a proxectos de creación literaria escolleu a proposta do compostelán Xosé Antonio Neira Cruz como a gañadora da súa cuarta edición.
A decisión foi tomada por un xurado conformado por expertos da área compostelá no mundo do libro, como son Berta Dávila Fernández, Agustín Agra Barreiro e Gemma Sesar Ignacio, que estiveron asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural.
O xurado valorou “a solvencia da proposta narrativa, o rigor e a coherencia do proxecto de traballo presentado e a relación da temática da obra coa contorna onde se desenvolverá a residencia”, tres cuestións que, indica a resolución, “sumadas á súa vinculación coa cidade de Santiago de Compostela, fan que a candidatura destaque pola súa adecuación aos criterios de valoración do premio”.
O escritor aloxarase na residencia Residencia La Baldi, situada na aldea de Montegiovi, no sur da Toscana, para concentrarse durante catro semanas no proxecto literario que presentou. (…)”