José Luis Baños de Cos, premio Exeria de proxectos de creación literaria 2023

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión do Premio Exeria de proxectos de creación literaria a José Luís Baños de Cos. O obxectivo desta convocatoria é fomentar a creación literaria desde a súa orixe e contribuír a súa internacionalización. O premio consiste na dotación de 3.000 euros e na xestión dunha viaxe a Xerusalén con hospedaxe na Residencia Al Mamal.
Segundo a acta de resolución da convocatoria, o xurado acordou concederlle o premio por maioría. “A proposta de José Luis Baños de Cos destaca, en primeiro lugar, porque a cidade de Santiago é protagonista, ao mesmo nivel de calquera outra personaxe. Recrea ademais un tempo de ilusións e esperanza como o da República, que consideramos pouco tratadas na nosa creación literaria. O proxecto estrutúrase a partir das distintas fases da edición dun libro emblemático como son os Seis poemas galegos de Federico García Lorca na Compostela dos anos 30″.
O xurado considera “especialmente interesante o feito de que o proxecto leva a cabo un recoñecemento e reparación dun elenco longo de personaxes, figuras que foron fundamentais neste período histórico. Valoramos tamén a súa vocación por ampliar públicos, aspecto este tan necesario para o teatro galego e parar a creación literaria nosa en xeral. E o equilibrio que establece entre a proposta textual e a escénica que aseguran a súa viabilidade” (…)”

A narradora Ana Cabaleiro resulta gañadora da primeira edición do Premio Exeria

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“O I Premio Exeria a proxectos de creación literaria convocado pola Concellaría de Acción Cultural de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863 –comandada por Yolanda Castaño– e o Consulado Xeral de España en Xerusalén xa ten gañadora. Un xurado conformado por expertos da área compostelá no mundo do libro –coma o poeta e narrador Antón Lopo, o editor Paco Macías e a editora e tradutora Celia Recarey– escolleu o proxecto gañador entre preto dunha decena de candidaturas presentadas a concurso.
A avaliación das candidaturas revelou que a narradora Ana Cabaleiro coa súa proposta Shukran será nesta primeira edición do concurso a autora escollida para gozar dunha estadía nunha residencia creativa durante todo o mes de agosto, incluíndo dietas e viaxe a Xerusalén, será nesta primeira edición. A escritora aloxarase intramuros da cidade vella palestina, na residencia Al Ma’mal situada no barrio católico, para concentrarse durante catro semanas no proxecto literario que presentou.
A cabalo entre o libro de viaxes e a non-ficción, a proposta titulada Shukran non só aborda unha viaxe ao Sáhara realizada pola súa autora, senón que reflexiona sobre o sentido da viaxe, o choque entre as expectativas e a realidade atopada e a evolución social e política dos nosos xeitos de viaxar.”