Entrevista de Manuel Xestoso a Manuel Rei Romeu en Nós Diario sobre o seu libro Castelao, desta terra e deste tempo:
“(…) – Nós Diario (ND): E esa evolución transforma un mozo que quere abrirse paso no mundo da arte a un home que escribe Sempre en Galiza, unha obra que acaba converténdose na obra fundamental do pensamento sobre o país.
– Manuel Rei Romeu (MR): Hai un camiño e hai unha coherencia. A súa arte é unha arte politicamente comprometida e, ademais, a el serviulle para albiscar as necesidades que tiña o pobo galego. E non vai tardar en convencerse de que Galiza é unha nación que foi desfavorecida por mor do seu sometemento ao Estado español. Nese sentido, resulta fundamental o tema da emigración -que era o gran problema da Galiza da altura- que el converte nun leit-motiv que atravesa toda a súa obra desde o álbum Nós até o Sempre en Galiza. E cando publica este último libro, en 1940, pronuncia ese discurso no que advirte que están enxalzando a súa faceta de artista pero que el, aínda que non fose un político profesional, sentiu a política como a vocación de toda a súa vida. Son unhas palabras claras que definen esa coherencia que ten a súa obra.
– ND: É moi interesante a carta que lle envía a Manuel Antonio despois de que este publicara o manifesto Máis alá!, no que fai gala dun coñecemento amplo do que sucede en Europa. Até que punto inflúe o coñecemento que tivo de primeira man da vida cultural europea no seu pensamento, que sempre mantén unha dimensión humanista e universalista?
– MR: Aí xa está esa idea de que Galiza é “célula de universalidade” que faría célebre a Xeración Nós, Pero el, que é moi autoexixente, cando fai o seu primeiro periplo europeo -Francia, os Países Baixos e Alemaña- el ten claro que hai que asumir o mellor de cada arte do mundo pero que, como lle di a Manuel Antonio, “temos que crear nós a nosa arte nova”, deixando claro que desde a nosa especificidade é como nos transformaremos en universais. E do que máis se aproveita el é do que vén da Europa do Leste e da Unión Soviética, tanto nas artes escénicas como nas artes plásticas. E posteriormente, iso trasládase ao político, convencéndose de que a federación que podemos tomar como modelo, con todas as súas limitacións, é aquela que potencia o papel das nacións e que recoñece o dereito de autodeterminación, como facía a URSS despois da Revolución de Outubro. (…)”