Entrevista de Xan Carballa a Xosé Carlos López Bernárdez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Esta achega á obra plástica de Castelao, agrupa dous traballos diferenciados.
– Xosé Carlos López Bernárdez (XCLB): Un aborda unha análise resumida da súa plástica anterior a 1936, pero o traballo sobre os debuxos de negros é a cerna do libro porque aínda que houbo outros estudos sobre eles crin que merecía novas lecturas. Está feito desde unha perspectiva algo novidosa, porque me parece que para entender as imaxes dos negros de Castelao era oportuno ver a imaxe do negro nese período no contexto internacional, dos anos 20 e 30 fundamentalmente. Como aparece na arte e na imaxe cultural europea e americana desde unha perspectiva, ás veces folclorizada ou racializada de maneira moi marcada, e tamén como os propios negros, escritores ou artistas plásticos, se vían a si mesmos e redefinían a súa imaxe. Acudín ás imaxes propostas nos anos 20, en Nova York e noutros ambientes culturais americanos e tamén revisei as imaxes do negro producidas no París que coñeceu Castelao no ano 1921. Ese foi o punto de partida.
– ND: O singular é que eses debuxos negros só existen porque houbo exilio e o Castelao propagandista da causa democrática botou case un ano movéndose intensamente polos Estados Unidos.
– XCLB: Iso é certo e esa xeira militante é ben coñecida. Na prehistoria desa proposta artística de Castelao houbo poucos exemplos de representación dos negros na súa obra. Hai tres debuxos moi distintos que me parecen interesantes e se reproducen no libro: unha cartolina pequena nun café de París no ano 21, o debuxo de Panchito no conto de Cousas e unha viñeta do Faro de Vigo do 1927 que é unha obra que pode resultar incómoda pero é moi reveladora. Estudei estas imaxes contextualizadas para entender como a cultura plástica de Castelao tamén respondía a un pensamento dominante da época. (…)”