Desde o Concello de Bueu:
“Eugénio Outeiro Lojo, Cláudia Morán e Manolo Broa son os gañadores dos Premios Johan Carballeira convocados polo Concello de Bueu. Os xurados, reunidos este sábado 4 de outubro pola mañá, acordaron conceder o premio na categoría de poesía a Eugénio Outeiro Lojo coa obra Réquiem; e a Cláudia Morán e Manolo Broa coa reportaxe ‘Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume’, publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
O xurado do premio na modalidade de poesía compuxérono Xosé Luís Mosquera, poeta e gañador da edición anterior, Silvia Penas, poeta, e Manuel Forcadela, crítico literario, escritor e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Da lectura dos 44 poemarios presentados, o galardón concedeuse á obra de Outeiro Lojo, da que se sobranceou que “está ben artellada e moi acaída para o significado do premio convocante, cunha estrutura e arquitectura poética traballada, delicado no tratamento, nada panfletario que engancha por unha musicalidade evidente, de vocación trobadoresca e que conecta coa oralidade”. Así mesmo, trátase dunha poética máis clásica e diferente da cultivada na actualidade e que formula unha proposta de verdadeiro acto de memoria histórica.
Pola súa banda, o xurado na categoría de xornalismo estivo composto por Lois Pérez, gañador da anterior edición, Diana López Varela, xornalista pontevedresa, e Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. De entre os dezaseis traballos presentados ao certame, a gañadora foi a reportaxe de Cláudia Morán e Manolo Broa, de cuxo traballo o xurado valorou “a análise das aldeas sen case veciñanza, cunha perspectiva orixinal sobre os tópicos do lume”. A reportaxe establece a correlación entre o despoboamento e os incendios, e o contraste entre o urbano e o rural, así como as distintas vagas de lumes. Atópase, ademais, a análise entre a responsabilidade cidadá e política e o impacto sobre o territorio, ofrecendo unha visión directa do conflito e establecendo unha progresión eficaz no contido da reportaxe. A perspectiva trasloce un proxecto máis global, no que se achegan datos e contexto a un problema non sinxelo como é o despoboamento do rural e os incendios. Chama á reflexión dun xornalismo que reivindica o valor fundamental como elemento democratizador e emancipador da cidadanía contribuíndo á súa autonomía e conformador do espírito crítico.
O xurado desta categoría ademais fixo unha mención especial do traballo presentado por Míriam Ferradáns Ferradás titulado Altri e a erosión da identidade galega: cando o monocultivo enterra a memoria, publicado no Nós Diario.
A entrega dos premios vai ter lugar nun acto público que se celebrará ao longo deste ano. (…)”