Entrevista de Sergio Casal a Beatriz Maceda en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que decide reunir a Circe, Penélope, Morgana e Xenebra para narrar a vida de Begoña Caamaño?
– Beatriz Maceda (BM): Begoña deulles voz ás mulleres na mitoloxía, xa que sempre eramos retratadas como perversas. Deulles voz para expresar sentimentos e emocións. Despois de reler as súas dúas novelas foi cando pensei: “Agora que Begoña non ten a súa voz propia, que sexan elas as que contan a súa historia”. Era devolverlle a Begoña esa voz.
– ND: A amizade é o fío condutor do libro. Que di iso da maneira de estar no mundo de Begoña?
– BM: Dío todo. Eu fixen unha chiscadela co título. De Circe ou o pracer do azul, pois escollín Begoña ou o pracer da amizade. Porque para Begoña as súas amizades eran moi importantes e queríana moito. Iso comprobeino cando escribín o libro. É unha biografía que nace da sororidade de todas elas. Non falei con todas as súas amigas, pero súa irmá, por exemplo, compartiu comigo partes da súa infancia moi importantes. Todas as persoas coas que falei foron moi xenerosas. Nunca saberei se este libro lle gustaría a Begoña Caamaño, pero o que si sei é que lle gustaría como foi escrito, e foi escrito desde a sororidade e o afecto das súas amizades. Sen a información que me deron, sería imposíbel escribir este libro. (…)”