Desde hai anos formúlase a necesidade de realizar políticas acordes cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel que aborden, entre outros fins, o respecto aos dereitos humanos, entre os que se atopan os dereitos de autor.
Con todo, a aparición dos servizos dixitais ocultou esa necesidade, impulsando un auténtico espolio das nosas obras pola vía dos feitos consumados, dándolle acubillo legal ou utilizando os nosos dereitos como moeda de cambio diante doutros intereses económicos, o que intensificou o empobrecemento do traballo de escritores/as, tradutores/as e a deterioración do patrimonio cognitivo e cultural común.
Ese espolio ou expropiación forzosa dos nosos dereitos estase acelerando co desenvolvemento da intelixencia artificial xenerativa (IAX). Os desenvolvedores de IAX fixeron e fan o seu traballo baixo o principio de “todo vale”, o que non resulta sustentábel. Construír un software utilizando as nosas obras como materia prima e, despois, impornos un modelo de negocio para desfrutar desa nova infraestrutura, é inxusto e abusivo.
Ante a falta de respecto ao traballo de escritores/as e tradutores/as solicitamos que:
– Se protexan cunha decidida, transparente e transversal acción pública os bens esenciais para a vinculación da sociedade, entre os que se atopan as nosas obras e os valores sociais implícitos nas mesmas.
– Se estabelezan como único camiño para o desenvolvemento de software de IAX as obrigas de solicitar autorización, remunerar e dar información suficiente e detallada aos/ás creadores/as, de igual xeito que se estabelecen principios irrenunciábeis no desenvolvemento doutros produtos que afectan á cidadanía. Sen dereitos claramente estabelecidos e respectados, estes desaparecen.
– Non se acepte a promoción dun novo contrato social que “branquee” o uso non autorizado das nosas obras no desenvolvemento de software de IAX pola vía dos feitos. Para iso é indispensábel que as Administracións Públicas non implanten nin usen software de IAX que non fosen desenvoltos cun respecto pleno, non só aos nosos dereitos como autoras/es, senón tamén aos dereitos de privacidade de toda a cidadanía e con respecto ao medio ambiente.