Entrevista de Manuel Xestoso a Vítor Vaqueiro e Ánxel Huete en Nós Diario:
“Agora, Vaqueiro publica, xunto co artista Ánxel Huete, Bestiário (Néspera editora) un novo volume que nos abre as portas a un mundo de estadeas, cocas, mouras, lobishomes, sereias e xacias, entre outras figuras fantásticas. Case medio cento de seres máxicos que conforman unha mitoloxía recoñecíbel e que resume unha visión do mundo.
“A idea parte dun encargo que me fixera Nós Diario para unha serie de pequenos artigos que aparecían tres veces por semana e que constituían unha especie de catálogo de seres fabulosos”, explica Vaqueiro en conversa con este xornal. “Eran textos moito máis breves dos que aparecen neste libro, pero que funcionaron como detonador para recuperar un proxecto que eu tiña hai corenta anos e que, daquela, abandonara. Case catro décadas despois, con máis experiencia neste campo, decidinme a retomalo e de aí naceu este libro”. (…)
“Os textos están traballados literariamente pero, efectivamente, non quería desviarme da tradición popular. O que se relata é o que a xente aínda cre en moitos lugares do país e, sobre todo, o que todo o mundo cría hai cen anos”, afirma Vaqueiro.
E nesa busca do simbólico entraba tamén a parte da ilustración: “Non quería unhas ilustracións descritivas, que fixesen deseños que reproducisen figuras de maneira realista. Iso xa estaba feito, e eu buscaba outra cousa. E con esa teima na cabeza, pensei en Ánxel Huete, a quen coñezo desde hai case cincuenta anos e que me parecía o autor adecuado precisamente porque é un pintor abstracto”, relata.
“A idea de Vítor de non ser excesivamente descritivo foi a que me convenceu para aceptar este reto: o certo é que os dous nos entendemos perfectamente”, declara Huete. “Non tiña moito sentido facer algo literal , e por outro lado, eu non quería tirar dun exceso de representación, non quería ser disciplinado nese sentido e, daquela, tomei como guía o concepto de pictograma”. (…)”