César Morán: “Concibo a música sen letra, mais para min é importante a relación entre música e texto”

Entrevista de Antón Escuredo a César Morán en Nós Diario (a entrevista íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario no 3 de abril):
“(…) – Nós Diario (ND): Naceu e viviu os seus primeiros anos de vida no Bierzo. De que maneira marcaron o seu interese posterior pola lingua galega?
– César Morán (CM): Nacer alí explícase polo percorrido vital do meu pai, que daquela era xefe de Estación en Toural dos Vaos e nacera en Valtuille de Arriba, entre os municipios de Cacabelos e Vilafranca do Bierzo. Estivo emigrado en Catalunya, traballaba para Renfe e no seu momento pediu o traslado para estar perto da súa familia. Porén, coñeceu en Cambre a miña nai, que era de Mondoñedo.
No Bierzo vivín até os seis anos, que foi cando nos mudamos á comarca de Verín polo ascenso que lle concederon ao meu pai. Daquela o meu galego era do Bierzo, foi o lugar onde o escoitei por vez primeira e eu mesmo xa falaba galego de inicio. Hai que ver o contexto sociolingüístico que había nos anos 50 nesa comarca. A realidade era que o galego era a lingua do 100% da poboación. Son galego por nacer no Bierzo. A influencia do castelán que entrou con forza despois.
– ND: E pola música?
– CM: Teño que dicir que a música foi algo que sempre estivo en min desde moi pequeno. Xa en Toural eu cantaba en todas partes. A música estaba presente tamén na familia, un exemplo que me quedou na memoria foi que a miña avoa e a miña nai cantaban moi ben. Cando pasamos a vivir perto de Verín, dos 6 até os 10 anos, os agasallos que recibía sempre estaban relacionados coa música. Chegoume un saxo de plástico, unha harmónica, instrumentos de xoguete que eu empregaba. A razón de recibir ese tipo de agasallos supoño que tiña que ver con que na miña familia pensaban que era o que me gustaba.
Logo pasei a estudar de interno nos Salesianos de Ourense e alí a miña afección foi a máis. Con todo, o lugar non era do meu agrado. Para min o mundo que descubrín nese centro era hostil, cunhas tendencias machistas que non me gustaban. Foi ese o motivo polo que, até os 18, percorrín outros en Cambados, Palencia e Guadalaxara, até que comezo a universidade en Compostela. Aínda así, recoñezo que entre o positivo que atopei daquela experiencia educativa estaba a importancia que lle daban os Salesianos á música e ao teatro. En realidade, ás artes en xeral. Alí foi onde comecei a aprender algo de piano e de guitarra. (…)”