Xosé Luís Mosquera Camba gaña o I Certame de Poesía Batallón Literario da Costa da Morte

Desde La Voz de Galicia:
“A primeira edición do certame Batallón Literario da Costa da Morte, nesta anualidade na modalidade de poesía, xa ten gañador. O xurado, integrado por Miro Villar, María Lado e Modesto Fraga, con Víctor Castiñeira como secretario, deu a coñecer na mañá deste venres a súa deliberación. Segundo fixo público Castiñeira, foi elixido o traballo Infelices aves, e aberta a plica en directo, resultou ser de Xosé Luís Mosquera Camba, escritor de Guísamo (Bergondo) xa con importante traxectoria. Margarita Lamela, alcaldesa, contactou con el nese momento para trasladarlle a nova, os parabéns e emprazalo á entrega do galardón, que terá lugar o vindeiro 9 de agosto.
Sobre a deliberación do xurado, nada doada e co debate centrado en catro propostas finalistas, Miro Villar explicou que por maioría foi finalmente elixida esta obra. Non se desvelan as autorías e títulos das demais, para que así os seus autores poidan concorrer con elas a outros certames. Sobre o traballo gañador, Villar citou a súa orixinalidade e elegancia do discurso poético, unha creación poética que nestes versos se identifica co mundo das aves e na que hai diálogos metaliterarios con outras artes, tales como a pintura ou o cinema, artes ademais de distintas épocas. Unidade e ritmo foron outras das bondades reseñadas por Villar. Modesto Fraga, pola súa banda, citou as sesenta obras que chegaron a esta primeira edición, «o que significa que estamos diante dun certame que vai ter unha acollida importante en Galicia». A propia traxectoria do autor premiado evidencia tamén o interese que espertou a convocatoria en plumas xa asentadas.
Fraga agradeceu ao Concello e á súa alcaldesa a predisposición para organizar este certame que chega tamén para conmemorar o 30.º aniversario do Batallón Literario da Costa da Morte, un fenómeno cultural sen igual no resto da comunidade. Tamén a Víctor Castiñeira, polo seu traballo imprescindible, «sempre detrás». Miro, Modesto e a propia María Lado son representantes dese movemento. «Tiñamos dereito a ter un certame así nunha vila cultural como é Cee, para nós é unha honra que a Costa da Morte estea hoxe no centro do mapa literario, como o estará tamén toda a semana que vén converténdose na capital da cultura», incidiu Fraga. Dende o propio luns, diversas voces poéticas tomarán as rúas, continuando con ese espírito do Batallón de achegar a creación literaria alí a onde estaba a xente.
Margarita Lamela, rexedora, trasladou o agradecemento ao xurado polo seu arduo traballo, a súa disposición para que este certame siga adiante, e o esforzo por acadar a calidade da que Cee e a comarca son merecedoras. O certame será alternativamente de poesía e de relato curto. Anos pares para os versos ,como foi este 2026, e impares para os contos, que será o caso do 2027. Acadar o premio deste concurso supón para o galardoado 3.000 euros e a publicación da obra.”