Desde La Voz de Galicia:
“A primeira edición do certame Batallón Literario da Costa da Morte, nesta anualidade na modalidade de poesía, xa ten gañador. O xurado, integrado por Miro Villar, María Lado e Modesto Fraga, con Víctor Castiñeira como secretario, deu a coñecer na mañá deste venres a súa deliberación. Segundo fixo público Castiñeira, foi elixido o traballo Infelices aves, e aberta a plica en directo, resultou ser de Xosé Luís Mosquera Camba, escritor de Guísamo (Bergondo) xa con importante traxectoria. Margarita Lamela, alcaldesa, contactou con el nese momento para trasladarlle a nova, os parabéns e emprazalo á entrega do galardón, que terá lugar o vindeiro 9 de agosto.
Sobre a deliberación do xurado, nada doada e co debate centrado en catro propostas finalistas, Miro Villar explicou que por maioría foi finalmente elixida esta obra. Non se desvelan as autorías e títulos das demais, para que así os seus autores poidan concorrer con elas a outros certames. Sobre o traballo gañador, Villar citou a súa orixinalidade e elegancia do discurso poético, unha creación poética que nestes versos se identifica co mundo das aves e na que hai diálogos metaliterarios con outras artes, tales como a pintura ou o cinema, artes ademais de distintas épocas. Unidade e ritmo foron outras das bondades reseñadas por Villar. Modesto Fraga, pola súa banda, citou as sesenta obras que chegaron a esta primeira edición, «o que significa que estamos diante dun certame que vai ter unha acollida importante en Galicia». A propia traxectoria do autor premiado evidencia tamén o interese que espertou a convocatoria en plumas xa asentadas.
Fraga agradeceu ao Concello e á súa alcaldesa a predisposición para organizar este certame que chega tamén para conmemorar o 30.º aniversario do Batallón Literario da Costa da Morte, un fenómeno cultural sen igual no resto da comunidade. Tamén a Víctor Castiñeira, polo seu traballo imprescindible, «sempre detrás». Miro, Modesto e a propia María Lado son representantes dese movemento. «Tiñamos dereito a ter un certame así nunha vila cultural como é Cee, para nós é unha honra que a Costa da Morte estea hoxe no centro do mapa literario, como o estará tamén toda a semana que vén converténdose na capital da cultura», incidiu Fraga. Dende o propio luns, diversas voces poéticas tomarán as rúas, continuando con ese espírito do Batallón de achegar a creación literaria alí a onde estaba a xente.
Margarita Lamela, rexedora, trasladou o agradecemento ao xurado polo seu arduo traballo, a súa disposición para que este certame siga adiante, e o esforzo por acadar a calidade da que Cee e a comarca son merecedoras. O certame será alternativamente de poesía e de relato curto. Anos pares para os versos ,como foi este 2026, e impares para os contos, que será o caso do 2027. Acadar o premio deste concurso supón para o galardoado 3.000 euros e a publicación da obra.”
Arquivos da etiqueta: Víctor Manuel Castiñeira Castro
Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do mércores 12
O
mércores 12 de agosto continúa a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 12:30 h. Concha Blanco presenta O balcón do meu universo, publicado por Embora. No acto estará acompañada por Xosé María Lema Suárez.
– 13:15 h. Presentación de Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte II. Comarca de Fisterra e concellos de Mazaricos e Carnota, de Manuel Vilar Álvarez, publicado por SEMESCOM, nun acto onde participa tamén Xosé María Lema Suárez.
– 20:00 h. Presentación de O becho que quería comer a avoa, de Rocío Leira, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada por Marilar Aleixandre.
– 20:30 h. Presentación de 50 anos de historia do fútbol da Costa (1964-2014), de Xosé María Lema Suárez e Xosé María Rei Lema, acompañados no acto por Víctor M. Castiñeira Castro.
– 21:00 h. Presentación de Rubicundo, de María Canosa, publicado en Xerais. Presenta o acto Santiago Garrido.
Cee: actividades destacadas do sábado 17 e domingo 18 na Feira do Libro
Chega á súa fin a Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Destacamos destes derradeiros días as seguintes actividades literarias:
Sábado 17
– 12:30 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, editada por Xerais, que estará acompañado por Víctor Manuel Castiñeira Castro.
Domingo 18
– 12:30 h. Na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Beatriz Maceda: Man. O alemán de Camelle, e obradoiro de materiais creativos.
Cee: actividades destacadas do domingo 11 e luns 12 na Feira do Libro
Dentro dos actos da Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas), destacamos as seguintes actividades para o domingo 11 e luns 12 de agosto:
Domingo 11
– 20:00 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación das obras Cancela aberta (Ed. Xerais) e Aquel neno (Embora Ed.) de Xosé Neira Vilas, acompañado por Francisco Rodríguez López de Embora Edicións.
– 21:00 h. Na Praza da Constitución, pregón da Feira do Libro, a cargo de Xosé Neira Vilas, acompañado por Valentín García.
– 22:30 h. Noite de terraza literaria con Xosé Iglesias, o mariñeiro poeta: Transfusión oceánica na rúa Domingo Antonio de Andrade (Bar A Parada).
Luns 12
– 20:15 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Costa do Solpor de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Víctor Manuel Castiñeira Castro e o poeta Alexandre Nerium.
De seguido, Serán de Música e Poesía, Versus Cianuro, recital coa presenza, entre outros, de Paco Souto.
– 22:30 h. Noite de terraza literaria con Xaime Trillo: Anatomía da ira na Praza da Constitución (Bar Expréss).
Vimianzo: II Xornadas sobre a figura do crego liberal don Juan Antonio Posse
O venres 23 e sábado 24 de novembro celébranse as II Xornadas sobre a figura do crego liberal don Juan Antonio Posse na Casa da Cultura de Vimianzo, organizada polo Semescom. Máis información en Que pasa na Costa.
