Elba Pedrosa: “Quero que o poema inspire vida; aínda que a vida é un camiño cheo de dúbidas, sempre hai luz”

Entrevista de Sergio Casal a Elba Pedrosa en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que sentiu ao recibir este Premio aRi[t]mar por Onde imos agora?
– Elba Pedrosa (EP): A verdade é que moita emoción de chegar a tanta xente. Este é un premio inesperado, porque primeiro hai unha escolma de tres finalistas e despois está a votación do público. Temos procesos creativos moi senlleiros, o que fai que en ocasións esteamos afastados do público. Por iso, compartir as nosas obras con todas e todos e ver que as súas impresións implicaron elixir esta obra como a mellor de Galiza no ano… Non podo estar máis satisfeita. Tamén o feito de que sexa un premio que nos achega á cultura portuguesa. Poder compartilo coas súas xentes é marabilloso por todas as conexións que temos entre ambos os pobos. Todas estas iniciativas que nos unen son do mellor que nos pode pasar.
– ND: Onde imos agora transmite violencia, incerteza e futuros truncados. De onde nace?
– EP: Foi parte dun poemario completo, que é Des a mar e que fala do proceso do desamor. Parte dunha experiencia persoal pero que é unha experiencia compartida con moitísimas persoas. O poemario está dividido nas partes do proceso do desamor: primeiro é máis escuro e despois veñen a esperanza e a luz. Entón, Onde imos agora fai esa análise crítica da situación á que chegamos de modo reincidente as persoas: nas guerras, rematando coa vida nos bosques, coa ledicia, eses valados solleiros do Mosteiro de Oia onde morreron tantas persoas… E, aínda así, non aprendemos.
Por iso o poema fai esa reflexión: onde queremos ir? Convido a xente a que pense nisto. Despois chega un divorcio, unha separación, e seguimos matando as almas das persoas coa violencia psicolóxica, e aí é onde penso que está o inicio de toda a violencia. (…)”