Arancha Nogueira: “Parece que hai unha fronteira social, cultural e de desinterese entre Galiza e Portugal”

Entrevista de Laura Veiga a Arancha Nogueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como recibe este galardón?
– Arancha Nogueira (AN): Por unha parte, supón un recoñecemento a unha obra que xa foi publicada no 2021. Para unha autora, ou polo menos no que a min respecta, é moi grato porque ás veces parece que as obras que escribimos pasan rapidamente de moda. Como que teñen o seu momento de que todo o mundo as coñeza e posteriormente, polos ritmos da industria editorial, deixan de estar no foco. Paréceme que este tipo de premios, dalgunha maneira, desafían estes ritmos frenéticos e a mercantilización. Tamén me pon moi contenta este recoñecemento en concreto, porque parte do profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas da Galiza, mais despois é a xente quen escolle a persoa gañadora, o cal significa que tamén houbo unhas cantas persoas que estiveron votando polo meu poema. Estou moi agradecida á organización, non só polo premio, senón porque creo que fan un labor moi necesario para achegar as culturas de ambas beiras do Miño. É un pouco triste e di bastante da nosa sociedade e de cara onde van os apoios institucionais que haxa tan poucas iniciativas que intenten facer isto. Sei a ciencia certa que desde Portugal se descoñece bastante o que estamos facendo aquí e nós tamén descoñecemos moito do que acontece alí. Parece que hai unha fronteira social, cultural e de desinterese institucional máis grande que a propia fronteira física. Por iso valoro moito o esforzo de Ari(t)mar, que levan desenvolvendo desde hai varios anos con moito éxito e, para min, con moito gusto. Agardo que poida seguir así coa mesma forza ou máis, se cabe.
– ND: Que cre que puido facer que a xente votara por este poema en concreto?
– AN: O certo é que estou bastante sorprendida de que gañara o certame porque creo que é un poema que se entende moi ben inserido dentro do conxunto de Antese. O poemario ten unha historia que vai avanzando de modo cronolóxico en tres meses, que en principio son eses tres meses de confinamento que vivimos en 2020, e hai unha voz poética que entendemos que é unha filla que por estas circunstancias debe convivir coa súa nai, que representa outra xeración e outra forma de facer as cousas. A medida que vai avanzando o poemario as dúas se van atopando en certos lugares comúns, mentres aprenden tamén a respectar e a valorar as súas diferenzas, fundamentalmente no que respecta á comunicación. Como digo, chamoume a atención porque creo que non é un poema tanto para ler solto como para comprendelo dentro dunha narrativa. Con todo, si que creo que pode ser que reflicta ben o espírito de todo o libro, como unha sorte de resumo de toda a obra, e tamén que a xente que votou este poema quizais coñecía previamente Antese e por iso o votou. En calquera caso, ponme moi contenta.
– ND: Despois de ter superado a época de pandemia, que lectura fai agora da obra?
– AN: Non me preocupa demasiado que teña un referente tan claro agora que xa non a estamos vivindo. Son unha firme defensora de que a poesía ou a arte en xeral pode ter diferentes obxectivos, mais un dos meus desde logo é reflectir o momento presente, ser unha especie de fotografía do que estamos vivindo en cada momento, no aquí e agora. Por iso non me preocupa que poida quedar desfasado ou que non chegue a comprenderse porque para min reflicte o que tiña que reflectir nese momento. Por outra parte, creo que tamén é unha mostra de sentimentos e situacións moi universais. A pandemia pode non estar presente agora mesmo, afortunadamente, mais si que hai outras cousas como o que comentaba antes: a aprendizaxe entre mulleres de distintas xeracións, como aprenden a comunicarse e incomunicarse… Digamos que empreguei como recurso a pandemia, mais creo que realmente poden ser elementos comprendidos desde calquera momento, co cal non me preocupa ter esa referencia.”

“Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados”, de Arancha Nogueira, elixida Mellor Poesía de 2022 en aRi[t]mar

“Despois de cerca dun mes de votacións, o público da gala aRi[t]mar decidiu que o poema “Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados”, da ourensá Arancha Nogueira, foi a Mellor Poesía do Ano 2022 na Galiza. Do mesmo xeito, “Se de repente perto fosse um verbo”, da poeta barcelense Maria Isabel Fidalgo, foi elixida a Mellor Poesía do Ano 2022 en Portugal.
O público do aRi[t]mar acordou galardoar estas poetas con case 4.000 votos. No caso galego, por detrás da poesía de Nogueira situáronse os poemas “Se algunha cousa queren comigo”, de Lorena Conde, e “As amigas”, de Yolanda Castaño. En Portugal, a Fidalgo seguírona “Podia-te chamar Lisrio”, de Fernando Machado Antunes, e “Faço uma curta viagem”, de Maria Teresa Dias Furtado.
aRi[t]mar completa o seu podio con dúas voces femininas diferentes que mostran a diversidade de rexistro da actual poesía galego-portuguesa
Arancha Nogueira e Maria Isabel Fidalgo son poetas pertencentes a xeracións diferentes e os poemas vencedores reflicten ben iso.
“Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados” afonda no universo poético que a autora propón na obra á que pertence, Antese. Aquí a poeta asume o papel de filla para falar da nai e faino cunha cadencia mutante que vai do cotián ao puramente metafórico.
Por outra banda, “Se de repente perto fosse um verbo” parece unha colección de anhelos. Anhelos que xorden dun condicionante que a poeta pon enriba da mesa coa intención de facer voar a súa imaxinación, ou quizais a súa memoria, ata a cerna da paixón que esperta o contacto humano.
Así, estas dúas voces, distantes na xeración e na forma, mais paralelas na fonda intensidade dos seus versos, completan un podio que comparten coas dúas cancións gañadoras: a das viguesas Fillas de Cassandra e a dos portuenses Retimbrar; e coa Associação José Afonso, galardoada co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-lusófona.”

Comezan as votacións para escoller a Mellor Poesía do Ano 2022 na Galiza e en Portugal no Proxecto aRi[t]mar

“O xurado de aRi[t]mar vén de preseleccionar as poesías galegas e portuguesas que loitarán por ser recoñecidas como as mellores do pasado 2022. Son 10 poesías de cada país as que optan a ser elixidas polo público como Mellor Poesía do Ano na Galiza e Mellor Poesía do Ano en Portugal. Ditas votacións comezaron o 17 de abril, ás 9.00 horas segundo o fuso horario galego, e poderanse acometer a través da páxina web aritmar.gal. O proceso permanecerá aberto ata o día 14 de maio.
As pezas finalistas para o premio a Mellor Poesía do 2022 na Galiza, son: Fiadeiro do Lupamar, de Ana Pillado; Vanitas #1, de Antía Otero; FORXÁRONME CON PALABRAS, de Ánxela Gracián; MAMÁ fala en linguaxes, de Arancha Nogueira; N e u r a l x i a, de Clara Martín; Se algunha cousa queren comigo, de Lorena Conde; Ser mar, de María Álvarez Landesa; Tarefas, de Mercedes Martínez Modroño; DESPOIS de lermos, de Nieves Neira Roca; e As amigas, de Yolanda Castaño.
Por outra banda, as pezas finalistas para o premio a Mellor Poesía do 2022 en Portugal, son: ONDE ME ARDE, de Andreia Faria; Podia-te chamar Lisrio, de Fernando Machado Antunes; PONTO E VÍRGULA, de Joaquim Gouveia; Ao lusco-fusco, a indecisão das cores, de Licínia Quitério; punhos, de Maria do Rosário Pedreira; Se de repente perto fosse um verbo, de Maria Isabel Fidalgo; Faço uma curta viagem, de Maria Teresa Dias Furtado; Aqui estão as minhas chaves, de Pedro Eiras; Insignificante criatura me chamaram, de Ricardo Gil Soeiro; e THE BIG FREEZE, de Rui Lage.

Premios aRi[t]mar: Un recoñecemento elixido polo público
aRi[t]mar é un proxecto didáctico cultural desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela pertencente á Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.
Tanto nesta, a súa vertente poética, coma na musical, son as persoas seguidoras de aRi[t]mar as que deciden cal son as mellores obras do ano. Calquera usuario da web pode acceder a aritmar.gal e, alí, ler as 20 pezas galegas e portuguesas pre-seleccionadas polo xurado e decidir cal cren que son as merecedoras do premio a Mellor Poesía do Ano na Galiza e Mellor Poesía do Ano en Portugal.”

Pontevedra: Culturgal 2022, do 24 ao 27 de novembro

O público de aRitmar xa pode votar para elixir as mellores poesías do ano na Galiza e en Portugal, 2022