Entrevista de Antón Escuredo a Afonso Becerra en Nós Diario:
“Que é, ou que pode ser para nós, hoxe, o Reino da Galiza? Que hai das mulleres, de artistas e das persoas e amores homosexuais, tan proscritos como o propio Reino da Galiza na historiografía oficial? Estas son algunhas das preguntas que se fixo o dramaturgo Afonso Becerra (Becerreá, 1973) cando iniciou a aventura de crear unha proposta teatral a modo de “viaxe no tempo” pola historia galega nos seus primeiros séculos. A obra, premiada no III Certame Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galiza da Deputación da Coruña, estreouse no Auditorio Municipal de Ribeira (O Barbanza) en outubro de 2025 dentro da mostra de teatro dese municipio. Agora chega como libro mais cun contido especial, moi distinto.
“Non fixen unha obra para publicar mais si que trouxo consigo un libro”, explica a Nós Diario o autor. “En realidade pariuno o propio escenario”, agrega. Así, nas súas páxinas recolle apartados que quedarían fóra dunha obra teatral ao uso. “O libro sae despois de todo o proceso de ensaios que tivemos, da propia estrea e de ver se funcionaba ou non”, admite. Becerra está satisfeito do resultado e de conseguir relatar “non só desde a imaxinación e desde a folla en branco, como cando escribimos en soidade un texto para despois levalo ao escenario”. Pola contra, no libro aparecen as mudanzas realizadas polas propias actrices e actores para conseguir o resultado final.
A outra historia da Galiza
“Desde pequeno sempre me gustaron moito os castelos e os castros”, afirma Becerra. “Cando me saíu a oportunidade de escribir sobre o Reino da Galiza para o certame vin que era a miña oportunidade”, engade. Comezou a afondar na bibliografía sobre o tema cando a publicación da obra Vidas e historias LGBT da Idade Media (Xerais, 2025). “Daquela vin a luz. Decidín tratar a historia non desde a perspectiva que sempre se fixou, senón desde a das mulleres poderosas que houbo na Idade Media ou dos personaxes marxinais”, relata.
Así, Becerra opta por tratar pequenas historias, como o amor de Sancha e María, no século XIII; ou o de Pedro e Munio, que casaron en 1061, lembrando tamén a relación de Urso e Rufino do século II ou os desexos do Adiantado Maior do Reino da Galiza Fernám Diaz (Estevo Fernández de Castro), no século XIII, da liñaxe descendente do Rei Don García. (…)”