Xavier Rodríguez Baixeras: “A poesía non mudou moito cos anos porque é pura, sen artificios e sen un propósito lucrativo”

Entrevista a Xavier Rodríguez Baixeras en El Progreso:
“- El Progreso (EP): Como ve vostede a situación da poesía en xeral e da poesía galega en particular?
– Xavier Rodríguez Baixeras (XRB): Respecto á situación da poesía eu penso que non hai moita mudanza. A poesía sempre foi algo íntimo e desinteresado e, polo tanto, iso convírtese en algo puro e sen artificios. Os poetas non escriben cun propósito lucrativo, nin o fan pola fama. É curioso porque trátase dun fenómeno que se da en todo o mundo, non só en Galicia ou en España. Eu estiven vivindo en Brasil e o certo é que a situación foi exactamente a mesma ca que estou a contar. A poesía sempre foi, en parte, unha actividade oculta, que é como realmente funciona. Se fose doutro xeito deixaría de ter esa esencia. Respecto á poesía galega hai que dicir que vive momentos moi felices. Dende a época do Rexurdimento está a vivir unha etapa moi boa e está a ser moi importante. (…)
– EP: Ultimamente está a recibir moitos premios. Como leva tanto recoñecemento xunto?
– XRB: Pois con tranquilidade. Eu xa estou nunha época na que un recibe as noticias con tranquilidade, pero iso non significa que non estea moi contento e satisfeito.
– EP: Cal é a función da poesía na actualidade?
– XRB: A poesía ten un labor moi importante, aínda que realmente a tivo sempre. Na actualidade penso que é un xeito de coñecer o pasado. Fai que poidamos comprender mellor a realidade actual porque entendemos o que vai detrás.”