Entrevista de Alba Prada Estévez a Francisco Castro en El Correo Gallego:
“(…) – El Correo Gallego (ECG): Despois de tantos anos ligado ao mundo editorial, que lle faltaba atopar no panorama galego para decidir poñer en marcha unha editorial propia como Moléculas?
– Francisco Castro (FC): Faltaba, creo eu, unha editorial como Moléculas. Dirixín a editorial Galaxia, que publicaba cento e pico de novidades ao ano, o que quere dicir que cada dous días e pouco estabamos sacando unha novidade. E faltaba unha editorial que non estivese pendente das esixencias do mercado, do que «se vende», e que apostase polo valor literario e polo coidado. Por iso lle chamamos «o refuxio dos libros bos». Temos un xeito de traballar bastante artesanal, de moita comunicación cos autores. Case analizamos cada palabra, cada coma, cada punto e coidamos a maquetación, coidamos todo.
– ECG: Vén de dirixir unha editorial histórica como Galaxia. Que aprendizaxes desa etapa están presentes agora en Moléculas e que cousas quería facer dun xeito diferente?
– FC: Aprendizaxes, todas. Eu tiven a gran honra de dirixir unha editorial inmensa na historia deste país como é Galaxia. Formeime aí como editor e aprendín moito, sobre todo de Víctor Freixanes, que foi o meu antecesor no cargo. Cada día con el era unha aprendizaxe. Pero tamén aprendín que a novela dun editor é o seu catálogo. Entón, ao non ter a presión comercial que ten unha editorial grande, un incorpora outro xeito de traballar, máis tranquilo. Non temos que ter vinte novidades para a campaña de Nadal, non temos que sacar este libro xa. Imos facelo amodo. Ese vai ser o gran cambio. (…)
– ECG: Di que queren publicar «libros que nós mesmos queiramos ler». Cal é o primeiro filtro que debe superar un manuscrito para entrar no catálogo de Moléculas?
– FC: Pode soar moi pomposo ou moi obvio, as dúas cousas, pero o criterio é a calidade. O grupo de persoas que lemos os exemplares, non só Inma López Silva máis eu, senón máis xente, buscamos iso. Ao non ter esa presión de «dar un pelotazo», podemos seleccionar un texto estupendo. Así que ese é o filtro: a calidade. Despois haberá libros que responderán no mercado e outros que non. Haberá outros dos que quizais teñamos un almacén cheo de exemplares que ninguén vai mercar, pero estaremos prestixiando o noso catálogo e estaremos dando voz e oportunidade a quen realmente nos ofrece un texto valioso. O filtro é que as persoas que lemos, liberadas desa tiranía de que hai que pagar nóminas e competir con outras editoriais, lemos doutra maneira. (…)”