Nace Moléculas Editorial

“Con sede na cidade de Tui, Moléculas Editorial é un proxecto longamente traballado polo escritor, músico e editor Francisco Castro, que estará á fronte da editorial, coa coordinación editorial da escritora Inma López Silva.
A nova editorial nace cunha vontade clara: publicar libros en galego pensados para un lectorado esixente, obras que teñan unha voz propia e que merezan formar parte dun catálogo coidado e coherente.
Moléculas pretende que sexa a calidade dos proxectos, e non exclusivamente as expectativas comerciais, a que determine que libros publicar. Nun momento no que a velocidade do mercado editorial impón con frecuencia os seus criterios, o novo selo aposta por traballar con calma, seleccionar con rigor e coidar cada libro.
«Queremos publicar libros que nós mesmos queiramos ler» resume o espírito dun proxecto que aspira a construír, pouco a pouco, un catálogo de títulos en galego capaces de dialogar cun público lector interesado en propostas literarias singulares e de calidade.

Os primeiros títulos
Moléculas Editorial inicia a súa andaina con dous libros moi diferentes, pero que comparten esa vontade de ofrecer aos lectores propostas literarias con personalidade.
O primeiro é Despois de San Castelao. Unha biografía do mesías galego, de Inma López Silva. Ata o de hoxe non existía na nosa lingua unha biografía realmente divulgativa do rianxeiro. O libro aborda a figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao desde as súas múltiples facetas —debuxante, político, orador, escritor e exiliado— e pretende achegar ao público xeral unha visión divulgativa da súa figura, ao tempo que recupera aspectos menos coñecidos e mesmo controvertidos da súa vida.
O segundo lanzamento é Lázara, de Rexina Vega, o seu primeiro libro como poeta logo dunha extensa e fecunda obra narrativa. Estamos diante dun libro que se adentra na experiencia da enfermidade e na travesía do corpo, a quimioterapia, a posibilidade da morte e a procura dun lugar desde o que volver mirar. Unha voz que, fronte á dor e á perda, reivindica tamén a beleza, a gratitude e a esperanza.
Nos vindeiros meses verá a luz un poemario híbrido (poesía, narrativa e fotografía) e moi diferente a toda a súa produción anterior, do poeta Baldo Ramos, así como a poesía inédita dunha importante intelectual galega que se anunciará dentro de pouco.
Os dous primeiros títulos de Moléculas Editorial estarán axiña dispoñibles nas librarías, dando así comezo á andaina pública dun proxecto editorial decidido a facerse un lugar no panorama editorial galego.”