Antonio Manuel Fraga, gañador do XX Premio Raíña Lupa de Xuvenil: “O verniz de toda a novela ‘Canguros de Marcory’ é a música nas vidas dos protagonistas”

Entrevista de Patricia Villarino a Antonio Manuel Fraga en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xurdiu Canguros de Marcory?
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Un pouco por casualidade descubrín un artigo en prensa que falaba sobre un movemento de hip hop en Costa de Marfil, a mocidade que protestaba polas condicións de vida e o futuro e que empregaban o “nouchi”, que é unha xerga da mocidade marfileña que combina parte de francés, léxico de linguas locais e argot da propia mocidade, e había unha efervescencia dese movemento. Pareceume moi interesante e quixen construír unha novela arredor desa idea.
– ND: O xurado destacou da súa obra a música como fío condutor temporal das personaxes. Era esa a intención?
– AMF: Si, a idea era escribir unha novela na que a música estivese moi presente. A protagonista é unha cantante de rap marfileña bastante famosa asentada en París que nunha entrevista a xornalista dille “ti que conseguiches abrirte camiño soa no mundo da música”, ela nega a maior e a novela é unha resposta a esa premisa, como ela bota a vista atrás a cando tiña 15 anos e empeza a relatar unha viaxe desde a súa cidade natal no interior de Costa de Marfil até a cidade máis populosa do país, Abiyán. Unha viaxe co seu grupo de amigos para presentarse a un concurso de hip hop. Os conflitos son arredor de como chegar a Abiyán, tamén colectivos como a xenofobia…Pero o verniz de toda a novela é a música, que está constantemente presente na vida dos rapaces, nos seus gustos e nos seus soños. Teñen 15 anos, méntenlle aos pais e emprenden unha viaxe que é unha road movie. (…)”