Xulio Pardo de Neyra: “Ser amigo de Tareixa e Marica Campo é unha honra, pero coñecer as amigas das dúas é tamén unha aprendizaxe constante”

Entrevista de Patricia Villarino a Xulio Pardo de Neyra en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Toda a eternidade nun ollar de palabras é o primeiro estudo monográfico sobre Tareixa e Marica Campo.
– Xulio Pardo de Neyra (XPN): O traballo constitúe a primeira aproximación integral á vida e á obra de Tareixa e Marica Campo, que son dúas figuras fundamentais da literatura e da cultura galega do século XX. É froito dunha investigación que combina a análise literaria, a memoria familiar e a reivindicación social, para recuperar a voz de dúas mulleres que foron e son teatro, poesía, narrativa, ensino e compromiso nun país que moitas veces as ignorou. A obra percorre a súa xenealoxía, o seu contexto histórico e a súa produción literaria, desde as sextinas de Marica até o teatro e a narrativa de Tareixa, pasando pola súa literatura infantoxuvenil e o seu activismo cultural. As dúas irmás Campo están no centro dunha tradición feminina e subversiva, afastada de paternalismos, e merecen o lugar que lles corresponde no canon galego.
– ND: Doutor en Filoloxía Galega e Historia Contemporánea pola USC e profesor na UDC, publicou o seu primeiro libro, Gustavo Freire: o grande esquecido, con 19 anos. Como empezou na escrita?
– XPN: Empecei a escribilo con 18 anos. Desde moi neno sempre me chamou o mundo da investigación. Son fillo de persoas maiores e neto dun avó e unha avoa que sempre tiñan na boca asuntos referidos aos seus percursos e aos anteriores; era xente moi tradicionalista no bo sentido. Sempre estaban a leriar sobre historias que lle aconteceran aos seus e ás súas. Lembro que miña nai díxome unha vez: “Non te preocupes do que fomos, tes que preocuparte do que vas ser; eu non sei como saes así”. Eu contesteille: “E como vou saír se non facedes máis que falar de atrás?”. Á miña nai criouna unha bisavoa e a proximidade con quintas e sextas avoas miñas era total. Os avós da miña tataravoa, que son quintos avós meus, eran como se fosen case meus avós; o contacto era moi grande. Esa teima por non perder o que foi, tanto o bo como o malo… Eles non calaron o malo, que é moito máis interesante que o bo, e eu tampouco o calo porque é moito máis exemplar e moito máis interesante. O meu pai levábame 50 anos e miña nai 41; estar rodeado de persoas moi vellas fixo de min un viveiro de todos eses asuntos. Eu aproveito calquera historia ou percurso para facer unha narración, construír unha novela ou un poemario. (…)”

Antonio Reigosa, coordinador do caderno de Galicia Encantada: “Tapamos o baleiro que deixa a Xunta coa tradición oral”

Entrevista de Patricia Villarino a Antonio Reigosa en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Galicia Encantada fai agora 20 anos. Por que se embarcou neste proxecto?
– Antonio Reigosa (AR): A tecnoloxía ofreceu unha oportunidade para un aspecto do patrimonio inmaterial como é a literatura de tradición oral –a lenda, os contos, o mito e a poesía popular–; unha oportunidade porque o fai visíbel. Na transmisión oral é importante a voz, pero tamén a xestualidade e os tempos narrativos de cada xénero. Para min, Galicia Encantada é a última oportunidade que ten a literatura popular e tradicional galega de facerse visíbel e recoñecíbel. É tamén a gran posibilidade de conectar cos galegos no mundo, os que tiveron que marchar hai moitos anos e os seus fillos e netos. Internet ofrece esa posibilidade.
– ND: Que importancia teñen as novas tecnoloxías na conservación da tradición oral?
– AR Cando empezamos hai 20 anos había xa un pouco de todo, con blogs e páxinas web, pero nos iamos dando conta das posibilidades que naquel intre abría o uso máis xeneralizado de internet… e van alá 20 anos, eu creo que é unha oportunidade, neste caso para a literatura de tradición oral, pero en xeral para a difusión do patrimonio inmaterial. Poder comunicarse a longa distancia con todo tipo de formatos… (…)”

Manuel Miragaia, escritor e profesor: “As institucións do Principado deturpan o galego de Asturias”

Entrevista de Patricia Villarino a Manuel Miragaia en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Vén de presentar o libro A terra do Eo-Navia. A galeguidade en Asturias (Medulia Editorial, 2024). Faltaba unha análise fonda desta cuestión?
– Manuel Miragaia (MM): A temática dá a sensación de que estivo oculta porque non existe ningún libro publicado no que se fale en profundidade sobre a comarca do Eo-Navia, defenda a variante do galego que se fala alí e a cultura propia e singular que hai na zona. Desde as institucións do Principado tentan dalgún modo uniformizar e acabar con esta cultura. Non se trata de entrar no tema político ou administrativo, só recoñecer unha realidade e ser solidarios con ela.
– ND: Falamos do occidente de Asturias, cal é a realidade?
– MM: No occidente de Asturias fálase galego, así está recoñecido por moitos filólogos e filólogas que estudaron a cuestión. Xente como Dámaso Alonso ou Menéndez Pidal, moitos lingüistas de todo o Estado español estudaron este fenómeno e todos determinaron que é unha variante do galego. As autoridades do Principado queren chamarlle eonaviego para non identificalo co galego, para afastalo do galego e da cultura galega. Ese é ultimamente o obxectivo do Goberno de Asturias. Intervén a política asturianista e un tanto españolista para afastalos da Galiza a nivel cultural e lingüístico.
– ND: E que pensa a xente do Eo-Navia desta cuestión?
– MM: No Eo-Navia hai xente que loita pola súa fala. Saben que desde o centro de Asturias tentan deturpar o galego e asocialo ao asturiano ou bable. Agora que hai proxectos para oficializar o asturiano, o que queren é que tamén se faga o mesmo nesta zona co galego de Asturias, que sexa oficial. Na zona occidental nunca se falou asturiano. A súa lingua é galego, o xeito de falar, a pronuncia é galega, esta zona pertenceu ao convento lucense, na antiga Gallaecia romana, o resto de Asturias era do convento asturiacense. Hai séculos dunha cultura que ten reflexo tamén en cuestións como a gastronomía. O caldo cómese no Eo-Navia, a partir do Navia cara ao centro de Asturias desaparece o caldo como prato. Os cabazos tipo de Mondoñedo e Ribadeo danse no Eo-Navia, no resto de Asturias non hai. (…)”