Asinado convenio entre a AELG e o Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron onte un protocolo de colaboración institucional no que se comprometen a fomentar a creación de literatura na lingua do país e a difundir o seu coñecemento dentro e fóra das fronteiras autonómicas.

Os presidentes de ambas as dúas institucións, Cesáreo Sánchez Iglesias, da AELG, e Ramón Villares, do Consello da Cultura, asinaron onte en Santiago este documento, no que plasman os mecanismos polos que colaborarán nun futuro para “fomentar o intercambio de experiencias no ámbito da escrita, a docencia da escrita literaria ou científica, histórica, etc., a investigación e a promoción cultural”.

Entre outras cousas, o CCG e a AELG colaborarán na organización dunha serie de xornadas de debate sobre os textos de creación literaria, crítica e científica en galego, no deseño de obradoiros literarios destinados á sociedade galega, así como en actividades para vencellar as letras galegas e outras literaturas do mundo. Ao mesmo tempo, as entidades colaborarán na consolidación das súas respectivas webs, co establecemento de relacións de comunicación e de servizos destinados ó público. (AELG)