Henrique Monteagudo: “Nos conflitos lingüísticos, sempre ten vantaxe a lingua que se asocia á innovación social”

Entrevista a Henrique Monteagudo en Praza:
“(…) – Praza (P): O modelo que nace nos oitenta entrou en crise?
– Henrique Monteagudo (HM): Entre 2005 e 2010 o proceso autonómico pechou un ciclo e non sei como vai continuar. Por un lado, debido ao propio esgotamento do modelo, e polo outro pola non implicación de axentes que poderían terlle dado contido real dinamismo a ese proceso, falo dunha parte do nacionalismo. En Catalunya e Euskadi a autonomía foi para adiante e foi un elemento de construción nacional porque son as forzas nacionalistas as que asumen a autonomía como un reto propio, e como un reto que non é do nacionalismo, senón que é do país. (…)
– P: Dis que a normalización non é ‘recuperación’ senón ‘innovación’. Poderías explicalo?
– HM: A min estas ideas de presentar as políticas de normalización como un proceso de recuperación dun ben perdido, esa mitificación da Idade Media, mesmo nalgún libro que se di serio afírmase que na idade media o galego era unha lingua normal, cando na Idade Media a inmensa maioría da poboación era analfabeta e a lingua de cultura era o latín. Ese é o modelo que queremos recuperar? A normalización lingüística é unha innovación social, é unha sociedade que quere modernizarse coa súa lingua, levándoa a aqueles ámbitos nos que non está presente.
– P: Que estratexias se deben seguir para mudar as tendencias negativas sobre o uso do idioma, que se perciben sobe todo nas cidades e na mocidade?
– HM: Os cambios lingüísticos van asociados aos cambios sociais. Nos conflitos lingüísticos, sempre ten vantaxe a lingua que se asocia á innovación social. Aquí tempo que abandonar esta retórica ‘pasadista’ e tentar conectar con aqueles sectores da sociedade máis innovadores; hai que presentarlles o galego non como algo do pasado, senón como un desafío de futuro. A xente segue identificando cultura galega con cultura tradicional, e iso ten que ver coa mensaxe que trasladamos nós. (…)”