Parlamento das Letras: Yolanda Castaño

Entrevista de Armando Requeixo a Yolanda Castaño no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Yolanda Castaño (YC): Teño máis claro o que lles falta, aínda que pode que lles sobre un certo ensimesmamento (cunha leve inclinación endogámica) que en ocasións non as fai estar demasiado atentas ao que se está a facer fóra ou fai que case desprecen a proxección fóra, a promoción ou mesmo a tradución, aínda con afortunadas e moi numerosas excepcións. O que ao meu xuízo máis lle falta ás nosas letras é profesionalidade, talvez debera dicir profesionalismo, ou ambas as dúas unidas como caras dunha mesma moeda. E as dúas unidas a unha visión positiva das mesmas que non faga seguir vinculando a súa ausencia a unha postura ética máis honrosa. Ao meu ver, o voluntarismo e a militancia, no eido literario galego, deberían ser as xenerosas e loables actitudes dunha fase provisoria da nosa cultura (coma fase dun proceso que desaugase noutra situación cara á cal todos os axentes deberiamos pechar filas), pero nunca un estadio detido no tempo, á vez empantanado e ‘empantanante’, á vez protector e limitante, gregario e autocompracente, un tanto atávico. Compre especificar que esta carencia non a vexo máis acusada nos autores e autoras (dunha calidade que nada ten que envexar ás doutras latitudes veciñas) ca no resto de actantes do sistema literario. Con todo, observo carencias —alén de no mercado ou nas infraestruturas de produción— nas actitudes coas que os escritores e escritoras deberamos encarar a nosa autoría. Mais recoñezo que o sistema completo non facilita que os escritores/as galegos alimentemos a nosa produción de obras literarias como algo que vaia máis alá dun ‘hobby riquiño’. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– YC: Existe unha calidade literaria moi sobresaínte, apoiada nun moi bo número de autores e autoras de enorme diversidade, ambición literaria, esixencia estilística, sentido de vangarda e compromiso coa literatura. Hai un nivel alto que podo estender mesmo ao lectorado. Mais todo isto choca cun mercado literario con moitas carencias, moitas eivas estruturais e outras fallas que en parte comentei na pregunta sétima. (…)”