A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai un chamamento ao Presidente da Real Academia Galega, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, para que siga nas súas funcións como presidente, e non abandone a Academia. Respectando as súas decisións persoais, instamos, a el e a todos os Académicos e Académicas, a pensar no papel histórico que ten a Academia e que ten que seguir a desenvolver. A súa dimisión ou marcha da Academia significaría un empobrecemento na pluralidade que é necesario teña a RAG.
Así mesmo facemos un chamamento a todos os Académicos e Académicas para que, dentro da necesaria pluralidade e transparencia, os problemas da Academia sexan resoltos dentro dos organismos da Academia dialogando, para manter a súa independencia na defensa da nosa cultura e do noso idioma.
A sociedade galega precisa dunha Academia que sexa lugar de confluencia e símbolo público de prestixio social e cultural. A situación do noso idioma non permite ter unha Academia en conflito interno e proxectando unha imaxe pública de descrédito.