Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia:
“Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), será o encargado de ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro durante a cerimonia dos XVII Premios María Casares. Deste xeito, o escritor subirá o próximo 27 de marzo ao escenario do Teatro Rosalía de Castro para ler un texto propio no que destacará a relevancia das artes escénicas no desenvolvemento social e cultural do país.
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia escolle este ano ó presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como “compañeiro de viaxe” nun momento en que a “lingua galega xoga un papel fundamental”. Ademais a xunta directiva subliña a importancia da “colaboración entre entidades vencelladas á cultura nun momento complicado para todos os ámbitos do sector” e agradécelle a Cesáreo Sánchez que acepte o convite para encargarse do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.
Deste xeito, o presidente da AELG únese á lista de ilustres persoeiros que, nos últimos anos, redactaron o Manifesto do Teatro na gran festa da escena galega. O ano pasado o encargado fora o ex presidente da Real Academia Galega, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín e, na edición de 2011, o historiador Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, leu o documento ante os centos de profesionais do gremio que, cada ano, acoden á cerimonia de entrega.
“O teatro é testemuña e actor-activista da realidade cultural e social da Galiza. É unha arte enchoupada da alma colectiva”, explica Cesáreo Sánchez, quen sinala que no seu manifesto reivindicará o papel da escena no desenvolvemento do país. “O sector sempre participou na identidade de Galicia. Na biografía do teatro está a biografía cultural e social galega”, sinala Cesáreo Sánchez, quen lembra que “toda agresión ao teatro” supón unha “agresión contra a cultura”. Ademais, o escritor incluirá no manifestos referencias ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, quen será homenaxeado no Día das Letras Galegas. “Este 17 de maio será a celebración do teatro galego”, adianta.
Con estas premisas, Cesáreo Sánchez furará na consolidación identitaria do teatro no seu manifesto, que se poderá escoitar na cerimonia duns María Casares nos que colaboran diversas entidades e institucións, demostrando a relevancia pública e social do sector. Este ano, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, GADISA, a Fundación AISGE ou a Fundación Autor (SGAE) implícanse nos Premios María Casares co seu apoio.”