A VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral terá lugar o sábado 24 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo (Rúa Ramón Ferreiro, s/n). A actividade conta co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.
Aberto o prazo de matrícula, gratuíta e preferente para socios/as da AS-PG e da AELG. Desde o 29/09/2015 até o 22/10/2015.
O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que queiran o certificado homologado pola Consellaría de Educación, terán que facer a matrícula a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, aquí. E aquí máis información sobre a Xornada.
As persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG a través do correo oficina@aelg.org ou o teléfono 981 133 233 (horario de 09:00 a 14:30).
Hai temas que aínda padecen o estigma do tabú como este do que imos falar na VIII edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral a celebrar en Lugo o próximo 24 de outubro.
A literatura do sexo, tan presente nas súas diferentes formas e manifestacións na comunicación oral, forma parte dos asuntos censurados secularmente, social e academicamente. Que dicir, xa que logo, do obsceno e do escatolóxico!
A transmisión, de predominancia oral, de chistes, ditos ou recitados onde o sexo, as partes pudendas ou os excrementos son protagonistas quedou restrinxida a ámbitos de confianza (adolescentes, amizades,…), e poucas veces chega aos gabinetes de investigación, e moito menos aínda a ter difusión impresa, a pesar de que tivo unha grande influencia na literatura de creación chamada libertina ou alegre que cultivaron numerosos escritores na antigüidade e, máis recentemente, desde o século XVI en adiante.
O vocábulo obsceno, que normalmente interpretamos como sinónimo de impúdico, indecente ou inmoral, ten etimoloxía dubidosa e significados diferentes segundo a adscrición cultural ou relixiosa da persoa. En todo caso, obsceno é aquilo que se esconde, que se considera que non se debe ver ou dicir en público porque pode ser ofensivo ou ter categoría de vicio. O obsceno é fillo da represión cultural e relixiosa exercida polos poderes sobre os desexos sexuais das persoas e conta cun amplo e moi variado repertorio de manifestacións. É por iso polo que estes relatos adoitan ter por obxecto de burla cregos, frades, monxas e, en xeral, todos aqueles personaxes que exercen ou representan poder represivo sobre o pobo.
Por tanto, contar de sexo e de escatoloxía puido ser unha maneira de rebeldía contra censuras, tanto dos máis cativos contra os adultos como dos sometidos contra os opresores. Un recurso social contra a alienación que, ademais, ten o engado do prohibido.
Nesta xornada contamos co saber de especialistas na materia que van tratar e debater sobre estes temas desde diferentes puntos de vista así como analizar a súa presenza e supervivencia nos diferentes xéneros da literatura de tradición oral. A música, a poesía e o conto de tema erótico ou escatolóxico forman parte da nosa bagaxe cultural e, só por iso, debemos afrontar o seu estudo con criterios científicos e, podendo ser, espidos de toda clase de prexuízos.
MAÑÁ
10:15 h. Recepción, entrega de material e inauguración.
10:30-11:30 h. Conferencia: Sexo e obscenidade na canción popular galega. Contextos e modelos para expresar a sexualidade nas cantigas populares. Con Rubén Aramburu. Mini e Mero ilustrarán musicalmente o relatorio.
11:30-12:30 h. Conferencia: Na cona da vella non manda ninguén. Con Olga Novo.
12:30-14:00 Mesa redonda: E dálle que dálle! O erotismo como sátira fronte á represión social. Con Rubén Aramburu e Olga Novo. Coordina: Antonio Reigosa.
TARDE
16:00-17:00 h. Conferencia: A poética do noxo: excrementos e outras repugnancias na literatura oral galega. Con J. Luis Garrosa.
17:00-18:00 h. Conferencia: Os contos eróticos galegos. Con Xosé Miranda e Xoán Cuba.
18:00-19:30 h. Mesa redonda: Cuarta máis, cuarta menos! Escatoloxía, prexuízos e tabús. Con J. Luis Garrosa, Xosé Miranda e Xoán Cuba. Coordina: Isidro Novo.
19:30-20:30 h. Ti contabas as estrelas, eu as areas do chan. Luís “O Caruncho”. Percorrido polo repertorio popular baseado en experiencias propias, cantigas, contos e romances.