O 14 de decembro, a partir das 19:30 horas, no Teatro Principal da Estrada, terá lugar o acto de entrega do XXX Premio de Novela Manuel García Barros. Un galardón que foi parar a mans da escritora Ana Cabaleiro López pola obra As Ramonas (Galaxia, 2018).
O acto iniciarase cun adianto do documental que, proximamente, se estreará conmemorando este aniversario, e no que participan nomes referenciais do sistema literario galego como Víctor Freixanes, Anxos Sumai, Dores Vilavedra ou Manuel Forcadela.
A continuación, Francisco Castro, presentará en sociedade o libro de narracións curtas Contra o vento escrito por 18 dos autores gañadores do Premio de Novela Manuel García Barros, en conmemoración do trixésimo aniversario do premio.
Acto seguido, darase lectura á acta correspondente e comezará unha xeira de intervencións na que participarán, ademais da autora premiada, o director da Ed. Galaxia D. Francisco Castro, o secretario xeral de Política Lingüística D. Valentín García, o Deputado de Cultura D. Xosé Leal e o alcalde da Estrada D. José C. López.
O acto estará amenizado polo violinista Manuel García.