Abel Tomé gaña o Premio García Barros 2024 con A noite do Oso

Desde Galaxia:
“Abel Tomé gaña o Premio García Barros 2024 con A noite do Oso.
O xurado destacou nesta novela a súa capacidade para fusionar realidade e lenda nunha narración que avanza no territorio avolto dos segredos familiares ao longo da historia de todo un século.
Escrita con innegable oficio, esta novela ganduxa as fías do relato persoal e o comunal, establecendo un diálogo feraz coa figura de Sylvia Plath, que presta a esta narración simbolismo e poder evocativo.”

Fernando Castro Paredes gaña o Premio García Barros

Desde Faro de Vigo:
“A Estrada ten xa un nome e un título para asinar unha nova páxina na historia do Premio de Novela Manuel García Barros. A obra Entomoloxía para misioneiros, do tapiego Fernando Castro Paredes foi escollida na xornada de onte polo xurado encargado de fallar este prestixioso galardón, un dos de máis tradición e peso nas letras galegas contemporáneas co que se honra a memoria do célebre Ken Keirades.
O xurado estivo integrado por Iria Collazo López, Patricia Arias Chachero –presente a través de videconferencia–, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez. Todos eles reuníronse onte na sala de xuntas do Concello da Estrada para deliberar sobre cal sería a peza vencedora na trixésimo quinta edición do certame.
Unha vez valoradas as 22 obras presentadas, a decisión do tribunal foi concederlle o premio por maioría á novela de Castro Paredes, da cal destacaron “a ambición estética dunha narración que conxuga a fórmula do relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de Occidente e Oriente”.
Tamén se puxo en valor a súa arquitectura “moi elaborada que inclúe epístolas, informes e outras modulacións do discurso”. “Entomoloxía para misioneiros ábrese á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia, a problemática da identidade ou a realidade da (in)comunicación entre outros asuntos palpitantes, que fan desta novela un artefacto literario de xenuína e poderosa voz”, destacou o xurado.
O edil de Cultura, Juan Constenla, aproveitou a ocasión para remarcar “a calidade de todas as propostas presentadas na presente edición” e puxo en valor a realización dun certame que supón –dixo– “un fantástico escaparate para moitos escritores e escritoras ao mesmo tempo que mantén vixente a figura dun dos grandes literatos estradenses como é Manuel García Barros”. (…)”

Ignacio Vidal Portabales gaña o XXXIV Premio de Novela Manuel García Barros

Desde Galaxia:
“Na Estrada, ás 20 horas do 18 de xullo, de 2022, na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reúnense os membros do xurado para escoller a novela gañadora desta XXXIV edición do Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades), cos compoñentes que de seguido se relacionan: Marta Neira Rodríguez, profesora da USC, a libreira Mercedes Corbillón, Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia, o crítico literario Armando Requeixo e Carlos Loureiro, en calidade de secretario.
Unha vez lidos os orixinais presentados, e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por maioría conceder o XXXIV Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema “O voo do azor”, que unha vez aberta a plica correspóndese á obra As horas dunha illa remota, da autoría de Ignacio Vidal Portabales.
O xurado salientou nesta novela o coidado na caracterización dos dous personaxes protagonistas, dúas irmás que viven as sombras dunha infancia difícil en Colombia que proxectan o seu ronsel no presente adulto de ambas na súa Galicia de orixe.
Escrita cunha prosa de fino burilado, posuidora duns diálogos de fulguración reveladora, a narrativa de intensa prospección psicolóxica na que estas páxinas nos mergullan abísmanos no eterno problema da identidade e o seu infindo xogo de espellos e máscaras.”

Alberto Lema gaña o XXXIII premio de novela Manuel García Barros

Desde Galaxia:
“O xurado do premio de Novela Manuel García Barros, composto por Anxos Sumai, Carmen Ferreira, Carlos Lema, Armando Requeixo e Carlos Loureiro, en calidade de secretario, fallou, na mañá do mércores a trixésimo terceira edición deste premio que foi, por maioría, a parar a mans de Alberto Lema Suárez pola obra Pazo de inverno.
O autor, que compaxina o seu labor político coa escrita literaria, conta xa cunha ampla traxectoria no ámbito editorial onde ten publicados varios poemarios como Plan de fuga e Crónica do chan, e novelas como Da máquina, Unha puta percorre Europa ou Sidecar, coa que acadou o premio Ánxel Casal.
Seleccionada entre un total de 41 traballos presentados, o xurado destacou desta novela a súa capacidade para recrear unha ficción coas fías das loitas de poder. As esferas do empresarial, o político e o periodístico gandúxanse para tecer unha crónica de contraluces hipnóticas. Nesta obra nada é o que parece e os trasfondos e maquinacións dos grupos de influencia acaban por nos revelar un complexo mapa de intereses e pulsións.
Doutra parte, a lograda caracterización dos personaxes, o suxestivo dos diálogos, a habelencia para recrear atmosferas e sucesos, así como a intelixente inserción de recursos parateatrais na narración fan desta obra unha proposta de anatomía sociopolítica dun tempo e de todo tempo.
O premio, dotado cun importe de 9.000€, entregarase a primeiros de decembro nun acto público que terá lugar no Teatro Principal da Estrada.”

María Rei Vilas gaña o Premio García Barros 2020

Desde Galaxia:
“Reunido o 17 de xullo, por videoconferencia debido á situación sanitaria creada polo COVID-19, o xurado do XXXII Premio de Novela “Manuel García Barros (Ken Keirades), decidiu declarar gañadora a novela Flores de ferro, de María Rei Vilas.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, despois de ler os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, acordou, por maioría conceder o XXXII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema “Escoitar a Briana”. Logo de abrir a plica, o dito lema correspóndese coa obra Flores de ferro da autoría de María Rei Vilas.
O xurado destacou desta novela que a protagonista, Camila, volve ás terras da infancia para pescudar nas orixes familiares e recuperar un período mediatizado polo pai. Alí ten que recompoñer a súa identidade, á vez que afronta desde o presente dos anos 80, a etapa da Guerra Civil. A orixinalidade radica tanto na estrutura narrativa ambiciosa que acompaña o crebacabezas persoal; coma na dosificación da intriga que anima a lectura. Así mesmo, destaca o protagonismo das mulleres como vítimas silenciadas, mais tamén como axentes que se enfrontan ao novo réxime.
(…) O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Flores de ferro será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.”