Será este mércores 26 ás 21:00 no Teatro Rosalía de Castro, con entrada libre.
“INTERSECCIONS” foi un proxecto conxunto entre NOVONEYRA e CAO, mestura de música e poesía, que foi presentado en diversos espazos da xeografía galega como o Auditorio de Galicia, a Igresia do Cebreiro, e a Aula de Cultura de Caixagalicia en Santiago de Compostela. Tempo despois retomaron aquel proxecto e chamáronlle “ INTERSECCIONS/2” un proxecto discográfico inconcluso, para o que viaxaron xuntos ao Caurel, e mesmo chegaron a gravar parte do material.
INTERVENCIÓN POÉTICO/MUSICAL
A proposta de concerto de EMILIO CAO, co título de “INTERSECCIONS, A OLLADA DE NOVONEYRA” recolle algúns dos poemas de NOVONEYRA musicados por el (Amiga, Alba e Delgada, Quen na outa tarde, Cain as follas), que foron rectificados polo propio Novoneyra para a súa gravación, así como outras músicas queridas polo poeta, e outras que ían configurar o seu inconcluso traballo conxunto.
Outra singularidade deste concerto será a participación de BRANCA NOVONEYRA (filla do escritor), bailarina e coreógrafa, que ven de presentar o seu primeiro poemario.
Intervirá tamén CARMEN REY, (cantante vinculada dende hai anos a os directos de Emilio Cao), e que puxo a súa voz, xunto coa de Ainoa Arteta, á longametraxe “DE PROFUNDIS” de Miguel Anxo Prado. Tamén ten feito moitas colaboracións con músicos da escena folk (Xose Manuel Budiño) e do jazz (Baldo Martínez, Clunia Jazz…).
A intervención contará tamén coa presenza do singularísimo pianista MANUEL GUTIÉRREZ, compoñente do grupo SUMRÁ co que xa ten gravados catro traballos (en Free Code Records), e que se presenta ao público no Auditorio de Galicia nos últimos días de Xaneiro/2010, cunha xa dilatada carreira e diversas colaboracións, entre elas coas artistas galegas Rosa Cedrón e Maite Dono.