“Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres 31 de maio. Os premios serán fallados o sábado 7 de xuño.
O xurado da XXXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuará como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 20 obras, está formado por: Javier Balea (divulgador científico, creador de “Moléculas en galego”), María Cerdeira González (estudante de Ciencias da Educación), David Díaz Díaz (profesor de Lingua galega e literatura, coautor de “Bolboretas no bandullo”), Tensi Gesteira Estévez (responsable do blog “Lecturafilia”), Olga Nogueira (profesora de Lingua galega e literatura) e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actuará como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 28 obras, está formado por: Sabela Fernández Trelles (profesora e asesora en Educación Infantil e Primaria), Sira González Rodríguez (bibliotecaria), María Jesús Iglesias García (profesora de Educación Infantil e Primaria), Ángel Iglesias Mariño (profesor e membro de Espazo Lectura), Andrés Meixide Gayoso (deseñador gráfico e ilustrador) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire que actuará como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os tres xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 31 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar en xuño.
Como o pasado ano a festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.”