A Deputación da Coruña homenaxea a Agustín Fernández Paz na XV edición do Premio Raíña Lupa (adiado)

Desde a Deputación da Coruña:
“En 1998 o escritor Agustín Fernández Paz resultaba gañador da primeira edición do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil coa obra Cos pés no aire. Neste 2021, cando o Premio acada a súa XV edición, a área de Cultura da Deputación da Coruña homenaxeará a obra e a traxectoria de Agustín Fernández Paz nun acto aberto ao público que terá lugar na Sala Juanjo Gallo (6º andar da sede provincial) ás 19h do xoves 16 de decembro.
“Se ben é certo que non se pode falar de Agustín Fernández Paz sen facer mención á súa longa nómina de premios e ao importantísimo número de lectores e lectoras que achegou ao seu universo creativo, o que realmente queremos poñer en valor nesta modesta homenaxe é a súa capacidade para facer soñar a xeracións de rapaces e rapazas galegas” asegura o deputado de Cultura, Xurxo Couto. “Ademais é posible que entre estes rapaces e rapazas que medraron da man da súa obra se conten algunhas das escritoras e escritores que xa forman parte da listaxe de gañadoras e gañadores do Raíña Lupa“, engade Xurxo Couto.
No acto de homenaxe participarán destacadas representantes da literatura galega que tiveron estreira relación co autor e coa súa obra, como son a escritora e académica Fina Casalderrey, o editor Manuel Bragado, o escritor Paco Martín, a escritora Rosa Aneiros, e a tradutora Isabel Soto. A actuación musical correrá a cargo de Su Garrido. Ademais, o ilustrador Miguelanxo Prado é o encargado da imaxe que creou especificamente para esta homenaxe, partindo dos anos de amizade e de colaboración artística que compartiron ilustrador e autor.
No mesmo acto do xoves 16 de decembro presentarase un caderno-homenaxe que recolle relatos breves de algúns dos autores e autoras gañadores do Raíña Lupa e que foi coordinado pola comisaria do Premio, Helena Torres. As persoas asistentes á homenaxe serán agasalladas tanto co caderno de relatos como cun marcapáxinas coa imaxe creada por Miguelanxo Prado.”

A escritora Andrea Maceiras gaña o XV Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado do XV Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña decidiu conceder o galardón á obra Que se me pare o corazón se te esquezo, da escritora Andrea Maceiras. O xurado valorou, entre outras cousas, o tratamento literario dun tema tan actual como as redes sociais.
Un xurado composto polo escritor Antonio Manuel Fraga, o divulgador científico a través das contas “Moléculas en galego” e “Balea Vermella”, Francisco Javier Brea Balea, a libreira Luz Gallego, a escritora, actriz e contacontos Soledad Felloza, ademais do escritor Xosé Antón Neira Cruz, gañador da edición anterior, escolleu a obra de Andrea Maceiras entre as 43 presentadas a esta edición do certame de literatura infantil e xuvenil convocado pola Deputación da Coruña. O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto coa xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria e a xestora cultural, Helena Torres como comisaria do certame.
Segundo explica o xurado, a obra Que se me pare o corazón se te esquezo, presentada baixo o lema “Plenilunio” aborda “un tema de plena actualidade como é o uso das RRSS, especialmente dos vídeo-blogs, mais tratado dun xeito non moralizante”. A obra, como engaden, “expón situacións duras sempre fuxindo da forma panfletaria”.
Outro dos valores que destacan da novela de Andrea Maceiras é que a acción atrapa o lectorado desde a primeira secuencia e agarra ata o final cunha historia en que son de especial interese as distintas relacións expostas e os afectos vividos polas personaxes.
Ademais, destacan que presenta un bo manexo da linguaxe, que conecta co xeito de sentir e vivir de adolescentes cunha gama diversa de personaxes que facilita a identificación cos mesmos.
Considera tamén o xurado que se trata dunha obra que é necesario incorporar ao sistema literario, que normaliza o uso da lingua galega nas redes. (…)”

Amador Castro, Emma Pedreira e Rosa Aneiros, Premios Xerais 2019

“En Vigo, o sábado, 8 de xuño, anúnciase o ditame da XXXVIª edición do Premio Xerais de Novela, a XIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, os tres premios dotados con 10.000 euros cada un.

Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros, Premio Merlín de Literatura Infantil, 2019
O xurado da XXXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 28 obras, está formado por: Sabela Fernández Trelles (profesora e asesora en Educación Infantil e Primaria), Sira González Rodríguez (bibliotecaria), María Jesús Iglesias García (profesora de Educación Infantil e Primaria), Ángel Iglesias Mariño (profesor e membro de Espazo Lectura), Andrés Meixide Gayoso (deseñador gráfico e ilustrador) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire que actuou como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: Berta Spencer, Efebeí e Nimbostrato.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Nimbostrato, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Xelís, o guieiro das botellas de mar.
Xelís, o guieiro das botellas de mar
O xurado destaca a excepcional construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes que se sitúan entre o fantástico e o real, para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico. Salienta tamén a presentación do conflito entre tradición e cambio, así como a defensa do pensamento crítico e autónomo e a unión solidaria como medios para solucionar os problemas aos que se enfronta a humanidade. A historia está tecida mediante o uso dun galego de gran riqueza léxica que, con todo, non dificulta a perfecta accesibilidade da lectura.
Rosa Aneiros ao coñecer o fallo dixo:
“Agradezo moito ao xurado que escollese a Xelís, o guieiro das botellas de mar como gañadora do Merlín porque é unha obra de denuncia do deterioro do planeta, en particular dos océanos pola contaminación dos plásticos, pero tamén unha obra de esperanza sobre o poder da amizade e da forza do nós. Sempre hai unha botella ao mar para bisbarnos á orella. Ademais, no mes de xuño de hai dez anos recibía o premio Xerais e o agora chamado Jules Verne de literatura xuvenil, así que este premio é unha gran maneira de conmemoralo. Estou desexando que Colérica, Estrafalaria, Mult, Ilva, os sete guieiros da illa de Otlic e Jonàs cheguen ás mans das nenas e nenos para compartir a súa grande aventura a través do mar.

Os corpos invisibles de Emma Pedreira
Premio Jules Verne de Literatura Infantil, 2019
O xurado da XI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 20 obras, está formado por: Javier Balea (divulgador científico, creador de “Moléculas en galego”), María Cerdeira González (estudante de Ciencias da Educación), David Díaz Díaz (profesor de Lingua galega e literatura, coautor de “Bolboretas no bandullo”), Tensi Gesteira Estévez (responsable do blog “Lecturafilia”), Olga Nogueira (profesora de Lingua galega e literatura) e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actuou como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: Prometea, Dunas, Todo é fume? e Ada Lovelace.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Prometea, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Emma Pedreira e corresponde ao título Os corpos invisibles.
Os corpos invisibles
No seu ditame, o xurado Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou o seguinte:
“A orixinalidade da perspectiva adoptada para o desenvolvemento da trama; a innovación no seu achegamento a un clásico universal e ás autoras inglesas da época vitoriana; o firme feminismo da obra; o retrato social focalizado en problemáticas femininas e a visibilización do papel das mulleres. Tamén destacan o tratamento da violencia económica e a loita por ver recoñecidos os logros científicos e intelectuais das mulleres fronte á apropiación que deles fixo o patriarcado ao longo da historia.”
Emma Pedreira explicou que:
“Gañar o Jules Verne é unha absoluta sorpresa. Téñolle moitísimo respecto á literatura escrita para ese que é o público máis esixente, natural, curioso pero tamén o máis agradecido, o infanto-xuvenil. Tardei en chegar ate aquí e decidirme a escribir unha historia que me levase a dialogar coa xente máis nova ou, mellor aínda na que eu puidese facer de medium para que a historia fale coa rapazada a través de Os corpos invisibles. Todas as propostas que se artellan nesta novela entre histórica, metaliteraria e extravagante conflúen nun punto coñecido: as mulleres. As escritoras, as científicas, as traballadoras, as nais, as nenas esclavas, as rapazas que están a descubrir a súa sexualidade ou de que vai o mundo. Todo desde a ollada de L.C, unha rapaza de hai case dous séculos, traballadora dunha fábrica téxtil en plena revolución industrial e a dunha muller de clase alta, Prometea Stoner, unha vella amiga daquela escritora que a principios do XIX escribiu a primeira novela de terror da modernidade, Frankenstein.
Os corpos invisibles é, en clave ás veces de humor e outras veces de crítica social, unha crónica da desigualdade de clases mais tamén das discriminacións e violencias que, por xénero, viviron as mulleres que non puideron crear asinando cos seus nomes e deixaron os seus corpos invisibilizados para a historia.”

Shanghai a Barcelona, de Amador Castro
Premio Xerais de Novela 2019
O xurado da XXXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuou como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: Tras de min a terra queimada, peixe globo e Karolina.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Tras de min a terra queimada, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Amador Castro e corresponde ao título Shanghai a Barcelona.
Shanghai a Barcelona:
Unha novela sobre a emigración galega a Barcelona.
O xurado do premio Xerais de novela 2019 estima que Shanghai a Barcelona presenta un orixinal emprego das voces narrativas, fiadas unhas con outras con afán de continuidade; destacamos a viveza e naturalidade dos diálogos e a efectiva creación dunha atmosfera abafante ao longo de toda a novela, alén da fusión dun rexistro coloquial nos personaxes cunha linguaxe lírica presente en forma de haikus.
Valoramos especialmente o contraste de espazos urbanos -nomeadamente a cidade de Barcelona- e outros situados no rural galego, sen esquecer o retrato singular da migración galega a Barcelona.
A xuízo do xurado esta é unha novela situada nun non-lugar literario, de difícil clasificación e, polo mesmo, de elevada orixinalidade.
Amador Castro declarou:
“Comecei tarde nisto da novela. Non na literatura. Os poemas da adolescencia quedaron alí, agás os que publicou Xosé Lois García na súa escolma de poesía galega. Quedou a revista de poesía que editabamos entre catro amigos da man de José Carlos Menéndez, Isabel Clara-Simó e Àlex Broch. Cada un dos catro foi ao del. Un a Saint Louis University. Outro ao negocio familiar. O terceiro profesor de instituto. Eu atopei na informática o máis parecido a un proceso creativo. E os anos pasaron a ritmo vertixinoso sen sequera darme tempo de aprender o retrouso. Para máis eses anos non foron quen de matar o verme literario que seguía a roer por dentro.
Un día atópaste con tres novelas no peto. Andas xa dándolle voltas á seguinte. A que absorberá os teus miolos durante uns meses. Soa o teléfono. Número descoñecido. Oes un rebumbio de xente do outro lado. “Ola son Fran Alonso”. E ti non sabes quen é Fran Alonso pero semella moi ledo de falar contigo. Ese home que non coñeces, dáche unha nova que, de non te coller sentado, sería para caer de cu: “Parabéns, es o gañador do Xerais 2019”. E non o podes crer. Van pasando o móbil de man en man, todas as persoas do Xurado. Parabenízante todas. Mentres ti vas sentado no “Dragonchain” a toda velocidade, subindo e baixando costas e espirais, incapaz de pechar a boca e cun nó no estómago. Do doutro lado da liña todo é ledicia e amabilidade. Do teu lado un trebón que te abanea de lado a lado, unha cicloxénese explosiva que arrasa coa tranquilidade que estabas a vivir nas praias de Menorca.
Agora, éncheme o corpo todo un enorme sentimento de agradecemento para toda a xente que sempre creu en min.”

A festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.

Vigo, 8 de xuño de 2019″

Finalistas dos Premios Xerais 2019

“O venres 31 de maio 2019 tivo lugar en Vigo a primeira reunión dos xurados dos Premios Xerais 2019 para seleccionar as obras finalistas.
O xurado da XXXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuará como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Tras de min a terra queimada”, “peixe globo” e “Karolina”.
O xurado da XI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 20 obras, está formado por: Javier Balea (divulgador científico, creador de “Moléculas en galego”), María Cerdeira González (estudante de Ciencias da Educación), David Díaz Díaz (profesor de Lingua galega e literatura, coautor de “Bolboretas no bandullo”), Tensi Gesteira Estévez (responsable do blog “Lecturafilia”), Olga Nogueira (profesora de Lingua galega e literatura) e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actuará como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Prometea”, “Dunas”, “Todo é fume?” e “Ada Lovelace”.
O xurado da XXXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 28 obras, está formado por: Sabela Fernández Trelles (profesora e asesora en Educación Infantil e Primaria), Sira González Rodríguez (bibliotecaria), María Jesús Iglesias García (profesora de Educación Infantil e Primaria), Ángel Iglesias Mariño (profesor e membro de Espazo Lectura), Andrés Meixide Gayoso (deseñador gráfico e ilustrador) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire que actuará como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Berta Spencer”, “Efebeí” e “Nimbostrato”.
O sábado 8 de xuño, sobre as 12:00 horas, anunciaranse as tres obras gañadoras.
A festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.”

Os Premios Xerais 2019 fallaranse o sábado 7 de xuño. Nesta edición compiten un total de 92 obras

“Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres 31 de maio. Os premios serán fallados o sábado 7 de xuño.
O xurado da XXXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuará como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 20 obras, está formado por: Javier Balea (divulgador científico, creador de “Moléculas en galego”), María Cerdeira González (estudante de Ciencias da Educación), David Díaz Díaz (profesor de Lingua galega e literatura, coautor de “Bolboretas no bandullo”), Tensi Gesteira Estévez (responsable do blog “Lecturafilia”), Olga Nogueira (profesora de Lingua galega e literatura)  e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actuará como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 28 obras, está formado por: Sabela Fernández Trelles (profesora e asesora en Educación Infantil e Primaria), Sira González Rodríguez (bibliotecaria), María Jesús Iglesias García (profesora de Educación Infantil e Primaria), Ángel Iglesias Mariño (profesor e membro de Espazo Lectura), Andrés Meixide Gayoso (deseñador gráfico e ilustrador) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire que actuará como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os tres xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 31 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar en xuño.
Como o pasado ano a festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.”