Desde o blog de Fran Alonso:
“En circunstancias normais, o nomeamento de Xela Arias para celebrar as Letras Galegas 2021 sería unha alegría enorme. Xela, ademais dunha persoa discreta, foi unha poeta enorme e de obra contida e precisa.
E, non obstante, non podo máis que mostrar a miña perplexidade por este nomeamento, tan pouco oportuno, da Real Academia Galega, que se produce, ademais, desoíndo unha maioría de voces do tecido cultural galego.
Pero, sen ánimo de estenderme nin de polemizar gratuitamente, aínda que si de explicar a miña indignación, vou expoñer os motivos destas afirmacións:
1) Habitualmente, a Real Academia toma esta decisión no mes de xuño. A estas alturas do ano (22 de decembro) xa non ten sentido ningún que a Academia dedique o 2021 a ninguén que non sexa Carvalho Calero. Nin as circunstancias provocadas pola pandemia permitiron unha celebración normal para Ricardo Carvalho Calero, que ve profundamente minguada a conmemoración da súa figura, nin o nomeamento de Xela Arias vai poder ser celebrado como correspondería.
2) Para que se publiquen estudos, divulgativos, pero tamén rigorosos, profundos e á altura das circunstancias, é preciso, en primeiro lugar, buscar autoras e autores, e concederlles tempo para a investigación e posterior escrita dos libros sobre a obra e a figura á que se lle dedican as Letras Galegas. É un proceso que as editoriais comezan habitualmente no verán, cos pertinentes encargos literarios. A maiores, o proceso de edición, como sabe calquera persoa vencellada ao mundo do libro, precisa un mínimo de tres meses (e é un prazo demasiado apurado, que require un grande esforzo suplementario) para poder levalo a cabo nun tempo tan xusto. En consecuencia, esta declaración tan á destempo evitará que se realicen estudos profundos, investigacións literarias e biográficas precisas, e traerá como consecuencia unha celebración incompleta e precipitada. Ademais, neste caso, Xela Arias é unha escritora con capacidade real para conectar coa sensibilidade da cidadanía, e tras esta decisión da Academia parte cunha enorme desvantaxe marcada pola escaseza de tempo, nun momento ademais en que, por desgraza, a fin da pandemia aínda non está clara.
3) Lamentablemente non podo entender os motivos polos que non se prolongou o ano Carvalho Calero, aproveitando as dinámicas e refluxos xa creados e concedéndolle tamén ao autor de Ferrol a dignidade precisa para entendermos a súa figura, que non se puido traballar nos centros de ensino de primaria nin de secundaria.
4) E, finalmente, se a intención da Real Academia era non prolongar ao 2021 o ano Carvalho Calero non podo entender como se agardou ata o 22 de decembro para facer pública esa decisión de dedicarllo a Xela Arias, decisión que, de facerse pública con anterioridade, proporcionaba unha marxe moito maior para unha celebración apropiada á dimensión dunha poeta e muller como Xela Arias.
De verdade non foi posible tomar esta decisión con anterioridade?
Só queda a esperanza de que, desde os ámbitos da cultura cidadá, fagamos todo o posible para impulsar e divulgar a figura dunha poeta radicalmente moderna, feminista, filla dun tempo que soubo comprender á perfección, íntegra e cunha vocación creativa que deu como resultado unha obra literaria de primeira magnitude.”