Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“O I Premio Exeria a proxectos de creación literaria convocado pola Concellaría de Acción Cultural de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863 –comandada por Yolanda Castaño– e o Consulado Xeral de España en Xerusalén xa ten gañadora. Un xurado conformado por expertos da área compostelá no mundo do libro –coma o poeta e narrador Antón Lopo, o editor Paco Macías e a editora e tradutora Celia Recarey– escolleu o proxecto gañador entre preto dunha decena de candidaturas presentadas a concurso.
A avaliación das candidaturas revelou que a narradora Ana Cabaleiro coa súa proposta Shukran será nesta primeira edición do concurso a autora escollida para gozar dunha estadía nunha residencia creativa durante todo o mes de agosto, incluíndo dietas e viaxe a Xerusalén, será nesta primeira edición. A escritora aloxarase intramuros da cidade vella palestina, na residencia Al Ma’mal situada no barrio católico, para concentrarse durante catro semanas no proxecto literario que presentou.
A cabalo entre o libro de viaxes e a non-ficción, a proposta titulada Shukran non só aborda unha viaxe ao Sáhara realizada pola súa autora, senón que reflexiona sobre o sentido da viaxe, o choque entre as expectativas e a realidade atopada e a evolución social e política dos nosos xeitos de viaxar.”