Entrevista de Laura Veiga a María Lado en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xurdiu Forestal?
– María Lado (ML): Lucía Aldao e eu levabamos moitos anos recitando sen ter rexistro das cancións, por iso decidiramos sacar Casa!, o primeiro disco, para que a xente o puidese desfrutar tamén na casa. O produtor, Mig Seoane, fixera daquela un traballo moi chulo, axudándonos a darlle un pouco de corpo a esas cancións que nós adoitamos defender en directo só con dúas voces e unha guitarra.
Con Forestal pensamos que era unha boa maneira de facer temas novos para logo levar aos directos soas, mais durante o proceso xurdiu a oportunidade de tocalos tamén en directo en formato banda.
Así, montamos a banda Aldaolado, con nós as dúas, Macarena Montesinos tocando o baixo, Violeta Mosquera na batería e Rubén Abad como guitarrista. Con todo, hai algúns temas que só tocamos coa banda e outros que ás veces adaptamos ao noso formato dúo.
Ao final foi seguir un pouco esa idea: que a xente tivese a oportunidade de escoitar as cancións de Aldaolado aínda que non viñese a un directo, porque os nosos temas se estaban perdendo aí neses directos. Un disco que estivera dispoñíbel en todas as plataformas parecíanos a mellor maneira de rexistralos, de feito non ten un formato físico.
– ND: É un traballo que ten moi presente o amor nas súas cancións e precisamente foi lanzado o 14 de febreiro. Por que quixeron facelo así?
– ML: O día do lanzamento foi o típico chiste de Aldaolado que acaba tendo algún significado. Tiñamos que escoller un día de febreiro, tamén pondo unha data a nós mesmas e como xa é un día que ten un significado escollemos ese. Tamén é certo que para nós, dedicarnos á vida de poetas é un xesto de amor, porque desde logo de negocio non o é, aínda que nós vivimos só de poetas e isto é moi difícil e estraño.
É un tema moi recorrente nas nosas vidas individuais e xuntas porque nos gusta ver a forma que toma o amor. Aldao e eu entendemos que, de todas as formas de amor que existen e que nós mesmas practicamos ou que existen aínda que non as practiquemos, a amizade é unha gran mostra de amor. (…)”