Eslovenia: linguas pequenas e linguas xigantes nun obradoiro de tradución poética

«Un ano máis, está a ter lugar en Eslovenia un obradoiro de tradución poética que reune –dende o pasado sábado 29 e durante unha semana- a 7 poetas chegados de linguas e tradicións literarias ben diferentes co obxectivo de compartir un traballo presencial e conxunto de tradución das súas obras ás linguas representadas. Organizado polo “Centro para a Literatura Eslovena” e coa colaboración doutras entidades do país, cada ano un fío conductor agrupa aos convidados, que nesta ocasión reunirán linguas dun elevadísimo número de falantes xunta outras minorizadas. Así, traducirán os textos do resto de compañeiros os poetas Antoine Cassar para o maltés, Xi Chuan para o chinés, a india Mamta Sagar para a lingua canaresa, Stanislav Lvovsky para o ruso, Veronika Dintinjana para o esloveno, para o xaponés Yasuhiro Yotsumoto e para o galego Yolanda Castaño.

A experiencia de traballaren os propios poetas cóbado con cóbado, traducíndose os uns aos outros para cadansúa lingua e a través do idioma vehicular do inglés, rematará coa intervención dos 7 participantes no Festival Internacional de Poesía Živa književnost (“Literatura en Vivo”), un evento anual que chega xa á súa 17 edición. Será en Ljubliana o venres 4 e o sábado 5.

É a primeira vez que a literatura galega está representada neste obradoiro internacional de tradución poética en Eslovenia capaz de fomentar o intercambio entre tradicións literarias de todo tipo. Ao seu remate e de volta nos seus países de orixe, os autores tratarán de amosar os resultados acadados despóis desta experiencia de convivencia, intercambio e tradución.»

Máis info: Center for Slovenian Literature.
Máis info: Festival de Poesía.