Fernando Arribas afirma que ”hai unha historia tras cada cruceiro”

Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“O técnico de Difusión do Museo Provincial de Lugo Fernando Arribas aseguraba onte que «cada cruceiro ten unha historia». Experto nestas construcións relixiosas, que son obxecto da tese doutoral que prepara, disertou sobre o cruceiro de Fioucos na revista oral O Pazo das Musas, que dirixe Antonio Reigosa, e se desenvolveu onte no pazo de San Marcos de Lugo.
Arribas subliñou a singularidade desta cruz situada entre San Bartolomé de Cadavedo (A Pastoriza) e San Pedro de Argomoso (Mondoñedo) dado «que non hai unha igual en toda a provincia». O detalle que a fai distinta, son as dúas figuras de santos que aparecen no fuste, que se corresponden cos nomes relixiosos de ambas as parroquias.
O cruceiro dos Fioucos «é tamén coñecido como o cruceiro da Amizade», apuntou o investigador. Sinalou que foron dous amigos quen financiaron a peza. Como cada un deles era veciño dunha parroquia, encargaron que os seus santos mirasen cara a elas. Os canteiros que atenderon á petición eran os Carboeira «unha saga de cinco xeracións de Román, en Vilalba, que deixou o seu símbolo na pedra», apuntou Arribas.
Engadiu que o cruceiro continúa aínda hoxe sendo lugar de culto e, no seu tempo, serviu aos dous amigos promotores «para comunicárense a través de obxectos que se deixaban ao pé e que lles permitían citarse para facer unha tarefa do campo, por exemplo».
Sega
Unha desas tarefas está relacionada coa herba seca. O grupo de Sober O Trícole interpretou a canción popular Hei de ir ás segas a Lugo, como parte das súas actuacións na revista.
Musicalidade tamén teñen os poemas do galardoado Luís Valle, que leu onte varios fragmentos de Fedor, A caída e Caderno do mendigo.
Completaron o programa as pezas dos artistas da escola Ramón Falcón de Lugo agrupados na asociación Munníacos. Como complemento a este apartado de imaxe proxectáronse imaxes do traballo de Xosé Reigosa, Entre Marbella e Torremolinos, que amosa na propia sala.”