Entrevista a Henrique Monteagudo en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Do estado de saúde da lingua non fai unha diagnose moi positiva. ¿Tan mal anda a cousa?
– Henrique Monteagudo (HM): Atravesamos unha crise moi seria, non só polo que nos mostran os datos sobre a evolución do galego como lingua falada da poboación, senón tamén polos discursos sociais en expansión que cuestionan a lexitimidade, a conveniencia, a utilización… da normalización lingüística. (…)
– LVG: Afirma tamén que o idioma precisa apoio. ¿Préstallo a Xunta?
– HM: Home, creo que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está dando un apoio que lle toca dar. O Partido Popular no seu conxunto e a Xunta no seu conxunto, menos do que deberían dar: con mensaxes contraditorias aquí e en Madrid, buscándolle sempre a volta a calquera cousa que sexa para favorecer o galego… e incluso tomando medidas que nalgúns casos restrinxen o alcance da oficialidade da lingua.
– LVG: Tras a súa incorporación á Academia, a porcentaxe masculina de membros da corporación sobe ao 85,2 %. ¿Que ocorre?
– HM: Creo que a Academia debera pensar niso. Son claramente partidario de que tome nota de que é imprescindible recoñecer a importantísima achega das mulleres á cultura galega. Non por promocionar ou darlle unha cota especial; simplemente, recoñecerlles ese papel.”