Xesús Constela: “Para escribir esta novela cheguei a entrar en arquivos de cárceres norteamericanas grazas a internet”

Entrevista a Xesús Constela en Diario de Ferrol, desde Xerais:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Agardaba o que está a suceder con 15.724?
– Xesús Constela (XC): Estou abraiado e agradecido. Escribir é moi solitario e nunca sabes o que vai pasar. Es como un artista de circo que ensaia o seu número pero non sabe se vai funcionar. Estou contento coa reacción crítica, aínda que eu escriba para os lectores, e por suposto para estar contento conmigo mesmo. (…)
– DF: Contou o que quería contar en 15.724?
– XC: Completamente, aínda que non me resultara fácil. Pero a reacción da crítica e da xente está sendo espectacular. Tardo varios anos en escribir unha novela, ou un libro de relatos, sempre tratando de que o resultado teña o listón alto, cun mínimo de calidade incluso lendo en voz alta o resultado do texto.
– DF: Que sucedeu desde que en 2003 gañou o Premio Torrente Ballester con As humanas proporcións?
– MC: Pois que entrei nun mundo que non coñecía e onde os meus textos, Libro das Alquimias, Shakespeare destilado ou este mesmo sempre foron tratados moi ben, aínda sendo de rexistros moi diferentes. Que será o próximo? Xa traballo nun libro de relatos, unha volta ás orixes. Gústame a inmediatez dos contos.”