Do luns 29 de outubro ao sábado 3 de novembro, na Illa de San Simón, terá lugar o obradoiro internacional de tradución poética Con barqueira e remador, promovido pola Consellería de Cultura e Educación, en colaboración coa institución británica Literature across frontiers, e coordinado por Yolanda Castaño.
Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia concibida a semellanza doutros proxectos de tradución de grandes literaturas que se levan a cabo en países europeos. Ao longo desa semana, os e as participantes convivirán e traballarán para trasladar os seus textos, de ata sete páxinas por autor, a cada unha das linguas representadas neles mesmos. Os participantes, Brane Mozetič (esloveno), Margrét Lóa Jónsdóttir (islandés), Txema Martínez (catalán), Marko Pogačar (croata), Sergej Timofejev (ruso), Merja Virolainen (finés) e Yolanda Castaño (galego), cumpren o dobre perfil de seren poetas de recoñecida traxectoria no marco do seu respectivo sistema literario e, asemade, posuíren experiencias no eido da tradución. Mediante lecturas en voz alta, postas en común, debates grupais ou diálogos por parellas, os autores e autoras puirán, perfilarán e rematarán os bosquexos de traducións que os e as poetas traian a Galicia. Tras este traballo inicial, o compromiso finalizará unha vez de volta nos seus países de orixe, onde rematarán os seus traballos antes de darllos a coñecer ao público lector.
Os seráns de seis días de convivencia e traballo encheranse cunha serie de actividades que lles permitirán aos participantes coñecer máis de preto o tecido cultural do país. A mesa redonda Cercando as ondas. Que significa ser poeta en… (Finlandia, Croacia, Cataluña, Letonia, Eslovenia e Islandia) será a primeira delas e terá lugar o martes 30 de outubro, ás 19:30 horas no Pazo de Mugartegui, en Pontevedra. A acción, amais de co apoio da Xunta de Galicia, conta coa colaboración da AELG e do Concello de Pontevedra.
Dous recitais poéticos multilingües que levan por título Atendendo ao meu amigo serán a mellor mostra do traballo poético dos autores e das autoras. Un deles terá lugar o mércores 31 de outubro, ás 19:30 horas, no Museo do Mar de Vigo. O outro, o venres 2 ás 20:00 horas no Auditorio Multiúsos da Xunqueira, en Redondela, en colaboración co Concello.
O programa complétase con Non morrerán fremosos. Un paseo polo Vigo de onte, unha ruta literaria polo Vigo histórico que arrancará no número 1 da rúa Urzáiz o xoves 1 de novembro, ás 17:30 horas, cunha duración de hora e media. Achegaralles aos participantes anécdotas e fitos relacionados con autores e autoras locais e universais, en colaboración coa Fundación Carlos Casares.
Todas as actividades do programa son gratuítas e abertas ao público en xeral.