Laíño, Dodro: recensión da homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón

O sábado 17 de novembro, ás 12:30 h., na casa natal na parroquia de Laíño, lugar de Tarrío, 26, do Concello de Dodro, tivo lugar unha homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón. Na seguinte ligazón pódese ver a galería de imaxes do acto.
Deixamos aquí o texto da intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG:

“Dona Neves, Flavia, querida familia de Eusebio, autoridades, amigas e amigos.

En nome da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega doulles a benvida a este acto de amorosa reivindicación.
Vimos da nación toda honrar ao poeta Eusebio Lorenzo Baleirón nesta súa terra máis íntima e creadora do seu mundo poético, nesta súa casa, nos lugares onde ollou a luz por vez primeira e camiñou.
A luz que na súa man de ourive teceu as fervenzas da alma. A que habitou as palabras súas de fulgor para que a tenrura acariñe o íntimo de nós, coma orballo que vén con voar de ave nesta mañá outonal de novembro.
Esta placa insculpida no granito celebra hoxe a Eusebio, nesta súa casa, feita dos materiais cos que a terra crea os alicerces imperecedoiros con pedra sábrego e tenrura e que, e sobre de todo, está feita do cálido alento das voces dos seus seres queridos que nela moraron e compartiron a palabra e os seus silencios. A casa natal de Eusebio, feita de todo o que nela foi soño e fixo realidade amada, ou só ficou no invisíbel territorio do soñar para seren de novo soñados polas novas xeracións nun eterno enxendramento.
Cada casa é a suma dos seus pasados, nos que van deixando a súa pegada as xeracións que a habitaron e que viven entre nós ou xa son parte do alén, que é a patria máis fecunda e perdurábel.
A casa que habitan os recordos das xeracións que a viviron e dos que a viven, a casa, depositaria da alma da familia Lorenzo Baleirón que é un anaco da memoria colectiva de todo un pobo, que non é un absoluto abstracto senón os seres que son suma: os seus afectos na ledicia e na dor.
A casa que, coma nun libro nas súas paxinas, podemos ler a luz nas súas variacións do dia e a noite. Do albor ao solpor. Nesta terra onde chove miudiño, que nos manca por ser tanta a beleza, escoitamos hoxe os sons da natureza e os seus silencios tan cheos de vida, que deron a música da alma ao noso poeta.
Eusebio deunos nos seus poemas os máis innúmeros xeitos de nos comunicar humanamente tamén cos nosos silencios e o seu vocabulario que é nube e recende.
Permitídeme unha lembranza á cidade de Lisboa onde, coa nosa mocidade, atravesamos os seus brancos de cal. Compartín con Eusebio e mais Paulino e Asun un tempo de verao que hoxe semella soñado: compartimos a poesía, a amizade e aquel noso nacer de poetas na adolescencia do mundo.
A poesía de Eusebio, escrita na flor da idade, é parte das nosas biografías, aquela que vivimos non só no que humildemente somos, senón con aquel que soñamos ser.
Hoxe, en Laíño, na compaña da familia de Eusebio, celebrámolo con todos vós. E esta equipa fraterna que é AELG, filla da conciencia que somos, hónrase conmovida de poder falar por boca dos escritores ao amigo querido e admirado que vive en nós para sempre nunha eterna mocidade.

Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
En Tarrío, parroquia de Laíño, Concello de Dodro, 17 de novembro de 2012.