Declaracións de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, sobre a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín:
“Lamento a dimisión do Presidente da Real Academia Galega, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, candidato da AELG dende hai 17 anos ao premio Nobel de Literatura, pola súa obra, e firme defensor do idioma galego e que se concretou presidindo unha Academia que tramitou o recurso a un Decreto que contiña medidas agresivas para o noso idioma e a súa planificación educativa.
Facemos un chamamento á responsabilidade dos académicos para que a institución á que teñen a honra de pertencer non sexa instrumento de intereses alleos á nosa cultura e ao noso idioma, que nada teñen que ver co fin para o que foi creada a Academia no seu día. E facémoslles un chamamento a que se manteñan firmes na defensa do ensino en galego e do noso idioma, como se fixo nesta última etapa. Sería lamentábel que se apartase, como fixo no pasado, dos seus labores fundacionais.”