A cultura galega valora positivamente a xestión de Ferrín e pide unha RAG “máis activa” e “plural”

Desde Praza:
“Vai acalmando a treboada iniciada este luns coa renuncia de Xosé Luís Méndez Ferrín á presidencia da Real Academia Galega e cómpre facer balance dos seus case tres anos de xestión, marcados por un proxecto de modernización da institución e de achegamento á sociedade, que fica inconcluso. Tres anos nos que se procedeu a un proceso de renovación e rexuvenecemento do seu plenario, no que aínda segue chamando poderosamente a atención a escasa presenza de mulleres. Tres anos marcados tamén polas celebradas escollas dos homenaxeados no Día das Letras e tres anos nos que foron frecuentes os tirapuxas co Goberno galego a respecto de dúas cuestións: o decreto de plurilingüísmo contra o que a RAG presentou un recurso, estimado parcialmente polo TSXG, e a reclamación dun financiamento xusto para a institución. Méndez Ferrín ten un gran peso específico na literatura galega e tamén na política e entre as críticas que se lle fan está o seu apoio á candidatura de AGE nas últimas eleccións, ademais da falta de “transparencia” e rendición de contas no seo dunha institución que é privada pero que se nutre de fondos públicos. (…)
Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, fai fincapé en que sexa quen sexa o novo presidente ou presidenta da RAG, o máis importante é que “a Academia siga tendo unha posición firme na defensa da lingua e recomenda “non perder o norte. Debemos ter claro que é o fundamental e que é o accesorio. Sería lamentábel que se apartase, como fixo no pasado, dos seus labores fundacionais”. (…)
Entre as eivas na xestión sinaladas polos entrevistados destaca a petición dun meirande “pluralismo” e “transparencia”. Cesáreo Sánchez sinala que “hai certas cousas que deben cambiar. A Academia debe ser transparente e plural e as diferenzas deben ser solventadas sendo conscientes de que a RAG é un símbolo do pais”. Valórase a mellora da relación con outras entidades e institucións pero bótase en falta que na Academia só estea representada unha das universidades galegas e que moitas outras entidades tampouco o estean. Carlos Callón salienta por exemplo que “o equipo que está facendo a gramática da RAG é só da USC e debe acadarse a pluralidade coa que se chegou ao consenso normativo”. E Cesáreo Sánchez di que “se dende a sociedade se fan propostas para que se homenaxeen determinados autores, a RAG debe escoitar a sociedade. O feito de que non se homenaxee a Ricardo Carvalho Calero implica un certo sectarismo”. E engade: “Con que criterios se exclúe?”. (…)”