Desde Sermos Galiza:
“Desde que Xosé Luís Méndez Ferrín anunciara nun correo emitido o día 25 de febreiro a súa vontade de abandonar a Academia, non só como presidente senón tamén como membro numerario, non deixan de sumarse voces para solicitar que un dos nomes claves da nosa historia literaria continúe a ter presenza na institución. Boa parte de académicos e académicas manifestaron publicamente o seu desexo de a Academia non ficar sen un escritor de referencia como é Ferrín. Alén de transmitir o seu apoio ao presidente, algúns dos consultados deixaron ver que a idea de que abandone o edificio de Tabernas sería unha má noticia para a literatura, a cultura e a propia RAG.
En primeiro lugar, foron un grupo de escritores e escritoras os que, a título individual, fixeron público a través das redes, de maneira imediata, o seu desexo de que Ferrín continuara na Academia. Seguiron logo as asociacións profesionais, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o PEN Clube ao se dirixir directamente a Ferrín e solicitarlle que repensase a súa dimisión e o abandono da RAG. A excepcionalidade da decisión tomada polo autor de Con pólvora e magnolias puña nunha situación complexa á Academia ao se tratar dunha figura de indubidábel presenza na nosa literatura e cun claro ascendente nunha parte do panorama literario.
A entrada de Xosé Luís Méndez Ferrín na Academia produciuse tarde, hai apenas doce anos e, dalgunha maneira, foi vista como un chanzo máis no proceso de apertura e modernización da institución que iniciara Francisco Fernández del Riego e continuara Xosé Ramón Barreiro. Singularmente tamén, a proposta de Xosé Luís Méndez Ferrín estaba asinada por dez académicos, unha circunstancia de novo excepcional, xa que a práctica totalidade das persoas numerarias entran avaladas só por tres persoas. Francisco Fernández Rei, Constantino García, Manuel González, Xesús Ferro Ruibal, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ramón Lorenzo Vázquez, Antón Santamarina, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Franco Grande e Salvador García-Bodaño poñen a súa rúbrica á agardada entrada o 30 de setembro de 2000 de Xosé Luís Méndez Ferrín como académico. No seu discurso de ingreso, Ferrín destacaba o feito de entrar no ano no que a RAG conmemoraba a Manuel Murguía, o presidente fundacional da institución que el tardaría arredor dunha década en presidir.
Tamén foi un membro de Brais Pinto e amigo de novo de Ferrín o encarregado de darlle resposta no acto solemne da Academia. O lingüista e escritor Ramón Lorenzo recollía o mesmo sentir na súa intervención, o significado de que o escritor atravesase a porta da institución da rúa Tabernas como membro numerario. “Por fin, entra na Real Academia Galega unha das figuras máis excepcionais da cultura galega da segunda metade do século, a quen lle correspondía desde hai moito tempo ocupar un lugar na nosa Institución. Por iso, se en moitos discursos de contestación que se fixeron na Academia se repetiu máis dunha vez que era un día grande e de xúbilo a entrada do novo membro, con moito máis motivo debo repetir en que hoxe é un día grandioso para esta vella Institución”, sinalaba Ramón Lorenzo, naquela sesión na que o mundo da literatura, o mesmo que agora reclama a súa permanencia, aplaudía a entrada de Ferrín na Academia.
Este sábado 9 de Marzo presidirá a entrada doutro membro de Brais Pinto, o escritor Xosé Fernández Ferreiro ingresará co discurso Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas, ao que lle dará resposta o tamén xornalista Manuel Rivas, o escritor vivo máis lido da nosa literatura e que precisamente se incorporou á Academia baixo a presidencia de Xosé Luís Méndez Ferrín.”