Entrevista a Miro Villar en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): A primeira dúbida á que se enfronta o lector que se achega a este libro é se estamos ante un libro de haikus ou ante un libro de viaxes. En Breizh a viaxe consiste en transitar polo haiku ou é o haiku quen nos convida -non tanto a facer a viaxe- senón a vivir a viaxe?
– Miro Villar (MV): En Breizh hai dúas viaxes: a primeira delas sería unha viaxe física á Bretaña realizada a través do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. Trátase dunha serie de viaxes que nos levan polas diferentes fisterras atlánticas e desta volta tocaba pola Bretaña.
Esa sería a viaxe física, pero logo está a viaxe literaria, que ten moito que ver coa nosa propia tradición. A Bretaña é un territorio que un galego e unha galega senten como moi próximo. A influencia de Bretaña é moi evidente tanto na literatura medieval galega como na contemporánea. Velaí está o libro de As cruces de pedra na Bretaña de Castelao ou a obra de poetas máis recentes, como Olga Novo. Porén, a min o libro que máis me inspirou para escribir Breizh foi Laio e clamor pola Bretaña de Manuel María.
A razón pola que foi escrito en haiku é posterior á viaxe. Nun congreso de escritores celebrado en Coimbra coñezo ao poeta coimbrense António Jacinto Pascoal. Pascoal estaba facendo unha antoloxía do haiku mundial para traducila ao portugués e solicitoume información sobre autores galegos que cultivasen o haiku en Galicia, ao que eu lle respondín que non había moita cousa e faleille de Uxío Novoneyra e de Ricardo Martínez-Conde.
Jacinto Pascoal insistiume de que tiña que escribir un libro de haikus. Entón, no transcurso desta viaxe a Bretaña, onde non tes moito tempo de escribir, onde o único que fas son anotacións breves e concisas, a estrutura de haiku amoldouse a esa brevidade e concisión que eu precisaba. (…)
– FL: No limiar Xosé María Lema indica que este libro nace dunha xeira de viaxes polas fisterras atlánticas. Por que deterse en Breizh en lugar doutras fisterras percorridas polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte como Cornualles, Eire …?
– MV: Esta viaxe tiña un substrato e unha vinculación moi importante coa nosa tradición literaria e cultural. Todos eses sitios que ti ves de nomear evidentemente tamén son fisterras atlánticas, pero a min apetecíame poetizar Bretaña, principalmente por iso que veño de te comentar, por ser partícipe dunha tradición cultural e literaria que ven dende atrás. Evidentemente tamén hai unha vinculación de Galicia con outras terras, como con Irlanda, por exemplo. Pero é sen dúbida moito menor que con Bretaña. (…)”