Lugo: edición número 33 da revista oral O pazo das musas

O xoves 27 de xuño, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 33 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre. Este número estará dedicado a lembrar o 50º aniversario da publicación da primeira edición de Contos populares da provincia de Lugo, con 300 relatos (contos e lendas maiormente) tirados directamente da tradición oral. Este libro foi a consecuencia dun proxecto educativo no que participaron tanto o alumnado como o profesorado de diferentes escolas rurais da provincia de Lugo. Unha obra coral, colectiva, grazas á que (máis alá dos seus indiscutibles valores etnográficos) toda unha xeración de galegos e galegas se achegou tamén ao galego escrito por primeira vez. Co impulso de Antonio Fernández López, propietario do Centro de Estudios Fingoi e da Granxa de Barreiros de Sarria, centros neurálxicos do quefacer recompilatorio, coa coordinación do entón director do colexio Ricardo Carvalho Calero, a vontade e o bo facer de mestres como Avelino Pousa Antelo ou Valentín Arias, e a de tantos outros que se relacionan na Táboa de Abonantes da primeira edición, ou o traballo de escolma e redacción dun entón mozo bolseiro, Bernardino Graña, esta obra pioneira e singular da literatura galega de tradición oral foi unha realidade que agora, medio século despois, é un referente histórico imprescindible.

SUMARIO Nº 33

– Portada musical. Marcha de procesión, por Os Melidaos (3:57).
Os contos populares da provincia de Lugo: moito máis que contos, por Xoán R. Cuba Rodríguez (10’).
– Contos contados polos alumnos/as do IES Leiras Pulpeiro: Inmaculada Alonso Rodríguez (O paisano, o abogado e as moscas), Laura López López (O galego e o cabalo do rei), José López Rivas (A capilla de San Lourenzo) e Marta López Rodríguez (O segredo) (5’).
– Música. Pasando pola Vila de Arzúa, por Os Melidaos (3:13).
Os Contos Populares da Provincia de Lugo na historia das colleitas de contos populares galegos, por Antón Santamarina (10’).
– Contos contados polos alumnos/as do CEIP Luis Pimentel: Manuel Pérez Fontal (O raposo, o lobo e o home), Paula López Gómez (O lobo e o xigante), e Daniel Barreiro Blanco (O demo axuda ao caseiro) (5’).
– Música. Foliada rianxeira, por Os Melidaos (2:46).
– As musas en Oriente, por Celeste Seoane Míguez (10’).
– Contos contados polos alumnos/as do IES Virxe dos Ollos Grandes: Adrián Valdés González (O pequeno e o reló do cura), Pablo José Fernández Fernández (O paisano e o médico), Borja Núñez Gómez (A intención basta) e Luís Fernández Maira (A muller folgazana) (5’).
– Música. Muiñeira de Entrambasaugas, por Os Melidaos (2:24).
– Facer país: Os Contos Populares da Provincia de Lugo e o modelo educativo do Colexio Fingoi, por Carmen Carricoba (10’).
– Contos contados polo alumnado do Colexio Fingoi: María Torres Pérez- Batallón, Nicolás Núñez Rojas, Samuel Rodríguez Río e Candela Cabañas Rivas (A galiña asustada, O home descoidado i o burro e O soldado e os zapatos) (5’).
– Música. Foliada de Castrelo, por Os Melidaos (3:14).
– Contos contados polo alumnado do IES Lucus Augusti: Sara Luna Castillo Fernández (O patrucio e os estudiantes), Mikel Novo Ares (O xastre e os cinco gorros), Paola Rodríguez Méndez (O sogro vello e a nora e os pratos) e Yago Rodríguez Méndez (A vaca dos dous irmaus e o abogado don Crispín) (5’).
– Opinión. Intervención do público (5’).
– Epílogo, por Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3’).
– Contraportada musical. Muiñeira de Sabaxáns, por Os Melidaos (4:35).