Escola de Escritoræs: Obradoiro en Compostela a cargo de Alicia Fernández

O novo obradoiro da Escola de Escritores/as da AELG leva como título Da memoria ao poema e, impartido por Alicia Fernández, será unha iniciación á creación poética, convidando a escribir desde a lectura, o ensaio literario (proba, erro) e o pracer.
Traballarase a partir dunha escolma de poemas de diferentes autores e falarase de técnicas para a escrita, exemplificando sempre e recorrendo a outros soportes como o audiovisual. Tamén se fará algún recital de poesía e visitaranos un poeta novo para contarlles aos asistentes a súa experiencia sobre a escrita e resolverlles as dúbidas básicas (por que escribo?, cando?, onde?…).

Programa:
– As palabras como punto de partida.
– O ritmo e o ton.
– O adxectivo, a precisión.
– As ideas, a memoria.
– Que contar e como contalo.
– A imaxinación.
– A voz.
– Encontro cun poeta.
– Recital poético.

Duración:
10 sesións, os sábados, de 12:00 a 14:00, a partir do 14 de setembro.

Inscrición:
Por rigorosa orde de solicitude. Inscrición gratuíta grazas ao patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela.
A partir do día 7 de agosto e até o 12 de setembro, no teléfono 981 54 24 09 ou enviando esta folla de inscrición ao correo electrónico dlg@santiagodecompostela.org ou entregándoa no Departamento de Lingua Galega na Casa do Concello.

Número de prazas: 25, para persoas adultas.

Lugar de celebración: Sala de didáctica da FUNDACIÓN-MUSEO EUGENIO GRANELL (Praza do Toural).

Alicia Fernández Rodríguez naceu en Escairón (O Saviñao) no ano 1987. Licenciada en Filoloxía Galega pola USC.
Participa en numerosos recitais e cursos de iniciación á poesía para nenos. Os seus poemas foron publicados en revistas literarias como A Caramuxa, Xistral, Dorna, A ciegas ou Revista das Letras, e nos libros colectivos Sempre mar. Cultura contra a burla negra (2003), Letras Novas (2007) e Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega (2012).
No 2005 foi editado por edições Tema o seu poemario Botar o mar polos ollos.
Gañadora, sendo aínda adolescente, de premios de poesía como o Francisco Fernández del Riego, Francisco Añón, Díaz Jácome, Ánxel Casal ou Minerva, entre outros, galardóns que, co tempo, non lle impediron desenvolver unha voz propia e escintilante, con textos que cativan o lector pola súa intensidade emocional e pola súa ousada transparencia formal. Poemas que arrincan desde un lugar remoto da consciencia para revelar as entrañas do monstro e as súas longas poutas, sempre asexantes.
Participou no IV Encontro de Nov@s Escritor@s organizado pola AELG en 2009 coa conferencia Canonizar as amigas coa que fixo un repaso daquelas poéticas que máis inflúen na súa propia escrita, incidindo especialmente na chamada poesía feminina dos 90 (pero tamén nalgunhas/algúns autoras/es dos 80) ao tempo que mostra un suxestivo abano da poesía galega máis recente, na que ela mesma se insire (Alba Vidal, Fran Cortegoso, Andrea Nunes, Mario Regueira, Xiana Arias, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón, María Comesaña, Brais González).