Berta Dávila faise co premio Repsol cunha novela sobre a experiencia da vida e a literatura

Desde Sermos Galiza e Xunta:
“(…) O nome da escritora Berta Dávila volve a ser noticia ao ser a gañadora do premio de Narrativa Breve Repsol, convocado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a Fundación Repsol coa colaboración da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, con O derradeiro libro de Emma Olsen que en breve publicará Galaxia.
Unha escritora que volve a súa vila natal, situada a trescentos quilómetros da poboación habitada máis próxima, é a protagonista do relato de Berta Dávila de quen tamén Galaxia publicará na súa colección Costa Oeste en breve a novela Quen matou a Covadonga Balboa?.
A piques de cumprir os corenta anos e cunha enfermidade terminal que aproxima a morte, Emma Olsen regresa ao lugar no que naceu para contar unha historia que nunca se tiña atrevido a desvelar. “A novela está escrita en primeira persoa e foi, nese sentido un reto porque precisaba que esa voz se sostivese” explica Dávila. A literatura trénzase coa vida nunha novela que ofrece unha reflexión sobre o proceso creativo e o espazo que acada na biografía da protagonista. “Deseñei a traxectoria literaria de autora a través das súas novelas e argumentos conectando os acontecementos literarios e biográficos. Nese derradeiro libro reflexiona sobre a escrita, e experiencia da vida e a literatura e como se enlazan entre si. Olsen é unha vila a trescentos quilómetros de distancia da próxima poboación habitada. Nin Enma é galega nin atoparíamos no país un lugar con esas características. A escritora Olsen é americana e a vila sitúase na planície de Dakota, un espazo que existe en realidade e que a escritora recreou na súa novela. (…)
Con Raíz da fenda Berta Dávila esgotou a primeira edición en só un mes. “O que percibín nas persoas que se dirixiron a min é que se viron reflectidas en ocasións. Este acontecemento é moi emocionante para quen escribe, saber que hai persoas que se senten conmovidas por algunha parte do libro porque lles axuda a sandar as súas fendas” sinalaba a escritora arredor do éxito do poemario nunha entrevista publicada no semanario Sermos Galiza.
Defendía que o libro mudara, en certa medida, a súa maneira de afrontar a escrita. “Que trate temas importantes para min como perdas ou ausencias fixo que desbotase máscaras, trampas ou artificios que usaba para escribir. Tratei de escribir este libro quitando en lugar de poñendo, limpando o que sobraba, o que estaba de máis, esas ferramentas da que se bota man polo seu efecto e non pola súa pertinencia. Estimaba que tiña que facer un texto honesto, directo e limpo. Ese escribir non coma quen lanza unha pedra senón coma quen a lima é o intento que fixen e nese sentido supón unha grande mudanza” dicía e esa pegada apréciase, segundo comenta, tamén na nova novela que, ao ser un relato breve “esixe maior coidado co texto”.”