Desde Sermos Galiza:
“Despois da presentación en Ferrol, Tempo Catro xirará con Rosalía de Castro: Os ollos que falan por distintos teatros do país, dando a coñecer un disco que ofrece os Cantares Gallegos de Rosalía en clave de folk, música clásica, jazz ou tangos, unha variedade de rexistros que ofrecen unha maneira distinta de cantar á poeta.
Quen interpreta e dá voz a Rosalía é Begoña Lorenzo, unha artista que se mostra feliz e agradecida aos compañeiros de Tempo Catro por ter contado con ela para este novo traballo. “Tratei de retomar o que ela sentiu e deixeime levar tamén pola música. Compaxinei a lectura dos Cantares co ritmo da música mais interpreto a Rosalía que sinto, forte e entusiasta”, di Begoña Lorenzo do seu novo traballo.
Canda ela, os músicos Andrés Pazos, Suso Iglesias -autores da música-, Javier Cedrón, Antonio Romero e Pablo Salgueiro de Tempo Catro, danlle a nova sonoridade aos versos da poeta en once cancións que teñen como base outros tantos poemas de Cantares Gallegos, no 150 aniversario da súa publicación.
“Pareceume un proxecto precioso, un reto e unha irresponsabilidade que asumín encantada. A maioría temos en mente os poemas de Rosalía na voz de Amancio Prada que fixo un traballo importantísimo, mais cumpría darlle un ton máis positivo, máis loitador fronte á imaxe morriñenta e triste que aínda perdura”, comenta Begoña Pazos do novo traballo. (…)
O resultado contribúe, segundo di, a construír outra imaxe de Rosalía xa que “ a música canaliza, vai guiando e o disco ofrece esa poeta combativa e enérxica que se quixo negar, de forma moi próxima e comprensíbel, como un nexo entre Rosalía e o público” (…)”.