Pontevedra: presentación de Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor

O venres Xosé Vázquez Pintor6 de marzo, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa da Oliva, 22), terá lugar a presentación do libro Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Galería, a editorial e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, Xaime Toxo, Manuel Bragado e a cantora Begoña Lorenzo.

Begoña Lorenzo: “Con Tempo Catro quixemos cantar unha Rosalía máis viva e loitadora”

Desde Sermos Galiza:
“Despois da presentación en Ferrol, Tempo Catro xirará con Rosalía de Castro: Os ollos que falan por distintos teatros do país, dando a coñecer un disco que ofrece os Cantares Gallegos de Rosalía en clave de folk, música clásica, jazz ou tangos, unha variedade de rexistros que ofrecen unha maneira distinta de cantar á poeta.
Quen interpreta e dá voz a Rosalía é Begoña Lorenzo, unha artista que se mostra feliz e agradecida aos compañeiros de Tempo Catro por ter contado con ela para este novo traballo. “Tratei de retomar o que ela sentiu e deixeime levar tamén pola música. Compaxinei a lectura dos Cantares co ritmo da música mais interpreto a Rosalía que sinto, forte e entusiasta”, di Begoña Lorenzo do seu novo traballo.
Canda ela, os músicos Andrés Pazos, Suso Iglesias -autores da música-, Javier Cedrón, Antonio Romero e Pablo Salgueiro de Tempo Catro, danlle a nova sonoridade aos versos da poeta en once cancións que teñen como base outros tantos poemas de Cantares Gallegos, no 150 aniversario da súa publicación.
“Pareceume un proxecto precioso, un reto e unha irresponsabilidade que asumín encantada. A maioría temos en mente os poemas de Rosalía na voz de Amancio Prada que fixo un traballo importantísimo, mais cumpría darlle un ton máis positivo, máis loitador fronte á imaxe morriñenta e triste que aínda perdura”, comenta Begoña Pazos do novo traballo. (…)
O resultado contribúe, segundo di, a construír outra imaxe de Rosalía xa que “ a música canaliza, vai guiando e o disco ofrece esa poeta combativa e enérxica que se quixo negar, de forma moi próxima e comprensíbel, como un nexo entre Rosalía e o público” (…)”.

Tempo Catro presenta en Ferrol o disco Os ollos que falan con once cantares de Rosalía

Desde Sermos Galiza:
Os ollos que falan é o título do disco que o sexteto Tempo Catro presenta o 20 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Jofre de Ferrol, nun concerto organizado pola Asociación Cultural Medulio. O novo traballo de Tempo Catro, proposta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, musica once cantares de Rosalía de Castro. Suso Iglesias e Andrés Pazos, profesores do Conservatorio de Ferrol, forman parte de Tempo Catro canda Antonio Romero (contrabaixo) e Javi Cedrón (violín). Begoña Lorenzo pon a voz a este proxecto que busca difundir os cantares de Rosalía neste ano no que se fai o 150 aniversario da súa publicación. Andrés Pazos e Suso Iglesias son autores dunha música no que se senten ritmos de valse, fado, salsa, mazurca, xota ou pasodobre.”