Entrevista de Montse Dopico a Alfonso Blanco en Magazine Cultural Galego, sobre Xosé María Díaz Castro:
“(…) – Montse Dopico (MD): Vostede é o seu testamenteiro. Foi reunindo os seus escritos durante anos, supoño.
– Alfonso Blanco Torrado (ABT): Como a súa familia mudou de piso en Madrid e en Euskal Herría, algunhas cousas acabaron perdéndose. El deixou dito, mesmo no leito de morte, que quería que me desen a min os seus papeis. Entre eles atopei os dous libros que el dixo que non tiña porque algún amigo non llos devolvera, Follas verdes e Follas ó aire, que agora van ver a luz da man de Armando Requeixo. Despois fun eu tamén buscando máis cousas. E temos todo gardado na Casa das Palabras. Tamén cartas e moitos outros documentos moi revelantes para a historia da nosa lingua e literatura. (…)
– MD: Tivo moita relación con outros escritores: Manuel María, Darío Xohán Cabana, Uxío Novoneyra…. Cal foi a influencia mutua entre eles?
– ABT: Estivo illado en Madrid, e de feito buscaba calquera oportunidade para falar galego. Tivo relación con Uxío, con Ben-Cho-Shey, con Celso Emilio… Eu mesmo fun testemuña do seu primeiro encontro con Manuel María, no 84. Presenteinos, tivemos unha tarde-noite marabillosa nunha das poucas ocasións nas que Díaz Castro aceptou recitar. E naceu así unha gran amizade con Manuel María e con Saleta. E testemuña desa amizade é a correspondencia entre eles. Tamén fun testemuña do seu primeiro encontro con Carvalho Calero. Máis que influencia mutua, eu diría que o que houbo entre Díaz Castro e os escritores cos que tivo relación era unha comunicación de alento, de ánimo, de traballo polo país. El dicía, “levo Galicia en min”, e así era. Mantívose sempre firme, rexo, na súa relación coa terra. Unha vez atopouse con Lois Pereiro en Madrid. Comezaron a falar de poesía, e Lois empezou a dicirlle que poetas galegos lle gustaban. Entre os libros que citou, dixo Nimbos. E Díaz Castro díxolle: “pois ese son eu”. Cando vía que alguén estaba falando galego, achegábase, malia a súa timidez, para falarlle. El, realmente, estaba devecendo por volver á terra. (…)”