Desde Sermos Galiza:
“En 2012 Francisco Carballo recibiu a distinción Bos e Xenerosos que outorga a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Reproducimos aquí o discurso que con tal motivo pronunciou o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias.
“Amigas e amigos, querido Francisco Carballo.
Homenaxeamos hoxe un Bo e Xeneroso, un dos que día a día e en cada tempo histórico de vagariño fundan a nación, como nos lembra o noso himno nacional. Reunímonos hoxe aquí en homenaxe a un dos homes que constrúen á par que contan e fan a luz sobre a nosa memoria colectiva. Un dos que, de alma xenerosa, entregan á terra dos galegos e das galegas a bondade do seu traballo, do seu coñecemento, coa fortaleza da humildade como valor inmenso.
Dinos o Profesor Francisco Carballo:
Galiza é a miña patria. Nela acumúlanse sentimentos familiares e de pertenza a un colectivo. É a miña referencia: a terra nai en si e a súa cultura.
Desde esta referencia aproxímase ao noso ser colectivo. É un historiador que nos di:
Precisamos liberarnos dunha historia imposta e coñecer a propia historia de Galiza.
Francisco Carballo é fillo do humanismo e da Ilustración. Dela dinos que os ilustrados reivindicaron Galiza como reino de cultura e lingua propias, e lévao a afirmar que moitos galegos están colonizados ou asimilados. Ora ben outros galegos non o estamos.
Dinos:
Sería fonte de vida e de ilusión darse de conta de que (os galegos e galegas) son un astro por si mesmos.
Os arredor de vinte anos que compartín con Francisco Carballo no proxecto d’A Nosa Terra, permitíronme poder partillar con el o seu maxisterio humano, a súa sabedoría, permitíronme poder reflexionar con el, partillar soidades creadoras, fraternas, de amigo, de irmán maior se el me permite a expresión. Quizais por iso nas nosas comunicacións, dende a nudeza do humano, sempre estivo presente o pensamento reflexivo sobre a realidade nosa, sobre os proxectos colectivos que compartimos, no día a día da nosa nación. Foi para min a man comprensiva e xenerosa para que nunca faltara o necesario alento, para que nunca nos apreixara a man da desesperanza.
Desculpádeme esta breve referencia persoal de gratitude, na miña comunicación con Francisco Carballo, pois el achegoume sempre a necesaria luz no andar do camiño, cando o mal vento mollaba as nosas azas.
Na súa compaña un sabe que a nosa nación ou é pobo ou non será, pola mesma razón que aquilo que é alicerce, pedra basilar do noso futuro, só pode ser construído con proxectos colectivos. O seu labor de historiador, o seu maxisterio cara aos máis novos fixo que, dende o ensino medio, alimentara unha nova forma de ollar a historia, nun tempo no que a universidade non cubría totalmente as necesidades da nosa historiografía nacional; aínda segue sen as cubrir totalmente.
Quizais podería ficar esta loanza miña no ámbito da súa humanidade como persoa, que para min é o grande tesouro do home -que a sociedade actual, depredadora, non valora e nega-; mais el -fillo do humanismo mais ilustrado, como comentei- para crear un corpus teórico que afortale os esforzos organizativos do nacionalismo, fálanos da historia dunha Galiza como nación, como pobo, e dinos que un nacionalismo das clases pobres de orixe marxista e popular tan forte como o caso galego escasea no estado español, e sitúase, claramente, en relación a outros posicionamentos da historiografía, definindo de xeito fulcral a relación entre a nación e o nacionalismo, e así dinos:
Non vexo que o nacionalismo invente as nacións sen máis, senón que as transformacións da sociedade e a secularización polos ilustrados desa sociedade traen a conciencia para que poidan aparecer esas reivindicacións das nacións.
Da política dinos:
Vivo amo, sinto e aprecio a política. Estou en contra dos que desvalorizan a política. En canto que me é posíbel, no marco que vivo, axudo en todo o que podo.
Para nos achegar a Francisco Carballo, podemos ollar reflectidas múltiplas facetas da súa personalidade nas súas entrevistas, unha que é das máis importantes da súa vida: a súa fe cristiá e o seu vivir nunha comunidade relixiosa, que el nos define como entrega á experiencia de Deus, á defensa dos débiles. Á responsabilidade única da súa conduta, á experiencia do propio, aos necesitados e á loita pola xustiza. Igrexa é subversión, Igrexa é protesta das inxustizas sociais, Igrexa é oferta de esperanza.
Dinos:
A función da misión cristiá, se quer ter sentido, é a critica ao poder. Se o poder é opresor ten que ser crítica desapiadada; se o poder se modera, poderá dialogar con el.
Ou dinos tamén:
O poder quere dominar todo e busca fórmulas de dominio. Apodérase do relixioso para ter máis poder aínda, pero o que é relixioso auténtico non pode deixarse manipular.
Francisco Carballo coincide cos teólogos da teoloxía da liberación en que salva o home polo seu compromiso cos dereitos humanos e pola súa ética. Que defende a necesidade de loitar contra das inxustizas, de dar exemplo de loita contra da pobreza e de aproximación ao pobo oprimido.
Situado claramente nunha Igrexa na liña de inculturación na Galiza fronte á outra de españolidade e tradición. Dinos:
O valioso está en comunicar o coñecemento.
El é un grande comunicador ou divulgador do saber porque, como tamén practica, o pensamento ou a ciencia son para transformar o mundo. Fálanos desta transformación apoiada no valor do ser humano, da súa dignidade igualitaria no fundamental.
Do noso dereito a determinarmos o noso futuro fálanos na clave de que non podemos renunciar ao xa conquistado para afortalar a nosa identidade nacional na que sempre está presente unha sociedade libre e igualitaria, sendo necesaria a nosa intervención nas máis diversas institucións e estar activamente nos grupos que traballan por unha Europa dos pobos e do acceso destes a nacións.
No seu traballar día a día, no seu desenvolver o pensamento, el dinos que urxe tanto a mellora económica como a cultural do conxunto, empezando polos peor dotados. Temos que ollar onde están os movementos sociais de resistencia á dominación para dialogar ata lograr puntos comúns.
E para finalizar esta breve intervención fágoo cunhas súas palabras que subscribo en todas e cada unha das súas sílabas e do seu sentir:
Amo a miña patria, Galiza: o seu mar salobre dos poemas de Manuel Antonio e Eduardo Blanco Amor; a liberdade da estirpe que di Méndez Ferrín; a esperanza dun pobo enaltecido por Rosalía e Castelao. Levo nos ollos a melancolía de Virxilio, de Bernanos, dos dramas procelosos de Sófocles e Shakespeare.
Parabéns, querido amigo e compañeiro, por este humilde agasallo de afecto e de recoñecemento do teu labor por todos os desposuídos desta terra.”